• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Concello e Xunta de Galicia cofinanciarán o proxecto de ampliación do punto limpo da Laracha

07/12/2022

O punto limpo da Laracha é unha instalación de titularidade municipal situada xunto á ponte do Formigueiro -moi próxima á capital municipal- que está a disposición da cidadanía para depositar material para a reciclaxe ou aqueles residuos domésticos que polas súas características requiren dun tratamento especial.

Para mellorar e incrementar os servizos que se ofrecen no punto limpo, o Concello ten proxectada a ampliación das instalacións nunha actuación valorada en preto de 250.000 euros e que será cofinanciada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia.

No momento actual está na última fase o procedemento de adquisición dos terreos afectados polas obras coa recente aprobación definitiva do proxecto de expropiación, que abarca unha única parcela catastral situada a carón do punto limpo e que suma unha superficie de 5.096 metros cadrados.

O proxecto que se executará sobre eses terreos contempla a súa urbanización para a creación dun novo espazo xunto ao actualmente existente con acceso pola entrada principal e que complementará os servizos que se ofrecen nestes momentos, ademais de facilitar ao persoal as tarefas de recepción, separación, clasificación, almacenamento e control dos residuos para a súa posterior derivación ao xestor correspondente.

Así, está prevista a construción de dúas marquesiñas cubertas (unha para o depósito de contedores e realización de labores de mantemento por parte do persoal das instalacións e, a outra, para contedores especiais), plataformas para o incrementar a cantidade de contedores para os diferentes tipos de residuos, espazos de aparcamento de vehículos e áreas axardinadas.

Tamén se inclúe a sinalización vertical e horizontal das diferentes zonas interiores (manobra, aparcamento, almacenamento de residuos, etc), así como actuacións dirixidas á recollida de augas pluviais.

Tendo en conta que os usuarios que se achegan ata o punto limpo poden facelo tanto a pé como en vehículo, o deseño e ordenación dos novos espazos disporá das dimensións, sinalización e organización axeitada para o tránsito peonil e rodado.

Na actualidade o punto limpo da Laracha está aberto ao público os luns de 15:00 a 20:00 h, os mércores e os venres de 16:00 a 20:00 h e os sábados de 9:00 a 14:00 h.