• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concurso

A modalidade “Xeral” da segunda edición do concurso de fotografía “A Laracha no obxectivo” xa ten gañadores

04/12/2022

Xa hai gañadores da modalidade “Xeral” da segunda edición do concurso de fotografía A Laracha no obxectivo. O xurado, formado por Raúl Lorenzo -profesional do sector audiovisual- e Guillermo Iglesias -tesoureiro da Asociación de Profesionais de Turismo da Costa da Morte APTCM-, reuniuse para valorar todas as imaxes presentadas atendendo aos criterios de impacto visual, calidade técnico-artística e creatividade.

O xurado acordou outorgar o primeiro premio (dotado con 600 euros) á foto titulada Caión é luz, de Samuel López, unha espectacular imaxe aérea da península que conforma Caión tomada co obxectivo dun dron que sobrevoou a vila ao atardecer, xusto coincidindo co acendido das luces da iluminación pública.

O segundo premio (400 euros) foi para Reflexos, de Antonio Martínez, pola foto da praia de Caión na que se reflexa no mar a igrexa parroquial de Santa María do Socorro.

Reflexos

O terceiro premio (250 euros) concédese a Outono en Laracha, instantánea tomada por María Eugenia Pereira no paseo fluvial do río Anllóns na que destacan as cores do outono, a pasarela de madeira e, ao fondo, o muíño.

Outono en Laracha

Os premios da modalidade “Xeral”, dotados en total con 1.250 euros, xa están pois decididos, e aínda permanece aberta a votación na modalidade “redes sociais”. Ata o domingo 11 de decembro calquera internauta pode votar polas súas imaxes favoritas accedendo á páxina de facebook Turismo da Laracha. Aquela fotografía entre as 22 presentadas que obteña máis “gústames” será a gañadora e o seu autor recibirá 250 euros.

O Concello convocou por segundo ano consecutivo o concurso fotográfico A Laracha no obxectivo co propósito de recoller imaxes do termo municipal e destacar nelas o patrimonio material e inmaterial, as paisaxes, a etnografía rural, as aldeas, as xentes, etc. As dúas modalidades de concurso establecéronse co propósito de animar a participar tanto a profesionais do sector da fotografía como a afeccionados.