• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O concello obtén por primeira vez o recoñecemento no certame “Vilas en Flor”

02/12/2022

O Concello da Laracha obtivo por primeira vez o recoñecemento no certame Vilas en Flor, a iniciativa impulsada pola Fundación Juana de Vega en colaboración coa Asociación de Viveristas do Noroeste (ASVINOR) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (AGAEXAR).

No evento celebrado hoxe no Auditorio Municipal de Caldas de Reis o alcalde, José Manuel López Varela, recibiu a distinción con dúas Flores de Honra polo traballo desenvolvido desde o Concello en diferentes áreas relacionadas coa xestión medioambiental, como son a mellora do espazo verde urbano, a xestión de residuos (destacando á Laracha como pioneiro en Galicia na posta en marcha da quinta fracción de orgánicos), os paseos fluviais, a recuperación dos entornos dos ríos, a xestión do ciclo da auga, o acondicionamento de parques e xardíns e as iniciativas para poñer en valor espazos de alto valor ambiental como a carballeira de San Fins.

Vilas en Flor é un programa que naceu en 2018 e que está encamiñado á posta en valor da riqueza natural e paisaxística. A iniciativa pretende a mellora estética e funcional do territorio mediante o recoñecemento público daquelas actuacións medioambientais enriquecidas con obras de axardinamento, ornamentación floral, mobiliario urbano e espazos lúdicos. Deste xeito, os concellos son recoñecidos pola súa contribución ao desenvolvemento local a través da paisaxe, xerando actividade do propio sector da planta ornamental e da xardinería, así como un aumento de visitas turísticas. De feito, existen rutas específicas para os concellos que participan neste tipo de programas, construíndo unha marca de calidade local.