• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Entregados os premios do concurso gastronómico “Destapa A Laracha”

01/12/2022

Nun acto desenvolvido esta tarde no centro sociocomunitario de Caión o alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Promoción Económica, Rocío López, fixeron entrega dos premios do concurso gastronómico Destapa A Laracha que se desenvolveu baixo a organización do Concello durante as catro fins de semana do mes de novembro coa participación de catorce establecementos hostaleiros de todo o termo municipal.

O Concello repartiu 2.000 euros en premios para as tapas mellor valoradas polos xurados profesional e popular.

Así, o premio de 1.000 euros (máis unha cata en bodega para dez persoas e un estoxo de dúas botellas de Mar de Frades doadas por Bodegas Carballo) do xurado profesional foi para Cafetería Suiza (Avenida Bergantiños 58, Paiosaco) polos seus “Troncos de outono de pataca con lacón en dúas salsas. Esa foi a tapa mellor valorada polo blogger gastronómico José Antonio Domínguez Loureiro (www.rutasyrestaurantes.com) e as formadoras da rama de hostalería e restauración Isabel Calvo e Sonia Fraga.

Cafetería Suiza. Premio do xurado profesional

O premio de 1.000 euros (máis estoxos con dúas botellas de Marques de Riscal e de Mar de Frades doadas por Bodegas Carballo) do xurado popular foi para A Taberna de San Cristovo (San Cristovo 5, Golmar) polo “Solombo en redución de salsa de cogomelos con cebola caramelizada e pataca”. O petisco deste establecemento foi o máis votado polos consumidores que probaran canda menos cinco tapas distintas en tres parroquias diferentes.

A Taberna de San Cristovo. Premio do xurado popular

Foron un total de 271 votos válidos emitidos durante o evento, e aquelas persoas que o fixeron entraron no sorteo dos regalos que foron achegados tanto polo Concello (vales de compra de 30 euros para mercar no comercio local), como por locais participantes e as empresas patrocinadoras, que son as seguintes: Bodegas Carballo, Cafetería Suiza Panadería Suso, Productos Cárnicos Domínguez, Academia Cartafol, Massol Bronceado y Estética, Electro AV, Esymar Artes Gráficas, Troulakids, Café Bar Buenos Aires, Café Bar o Encontro, Estación de Servicio Vidueiros, Clínica Diego Pérez, Fogón da Pía, Laboratorio Ecoturístico A Castrexa, Bodegas Petrón, Bar Lestón, Clickfer Carballido, Avelaíña, Peluquería Jesús Vázquez, Tulipano, M. Ramos Interiores, Taberna de San Cristovo, A Xamonería de Carballo, Licores Bello Blanco e Bodegas Petrón de Doade.

 

En total foron 58 os agasallos sorteados. Auquelas persoas premiadas teñen sete días naturais de prazo para reclamar o seu agasallo contactando co Concello. En caso contrario, serán outorgados ás persoas que están na lista de reserva.