• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

En marcha a execución do proxecto de reordenación dos espazos no entorno do IES Agra de Leborís

13/11/2022

O alcalde, José Manuel López Varela, e o tenente alcalde, José Ramón Martínez Barbeito, realizaron unha visita as obras de reordenación dos espazos no entorno do IES Agra de Leborís para comprobar in situ o resultado das primeiras actuacións executadas.

Na parte traseira do centro de ensino o Concello está a consolidar unha zona para a práctica deportiva de referencia na capital municipal. Nese lugar abriuse unha nova estrada para enlazar a Avenida Manuel Fraga coa Avenida López Astray a través da rúa Maruja Mallo, habilitouse un acceso para o transporte escolar do centro de ensino, foron construídas dúas pistas polideportivas descubertas e está en fase de execución o Skatepark. Agora promóvese este proxecto, que complementa os anteriores, e que ten por obxecto acondicionar e aproveitar a totalidade dos espazos restantes tralas obras xa acometidas nese ámbito.

Inclúense tres intervencións diferenciadas. A primeira fase céntrase na ampliación da plataforma da calzada da estrada recentemente construída para aumentar a beirarrúa e habilitar máis prazas de estacionamento de vehículos.

Posteriormente, na segunda e terceira fases, completaranse os equipamentos deportivos coa creación dun parque de calistenia que contará co equipamento preciso para poder practicar exercicios físicos que se realizan co propio peso corporal, incluíndo ademais o mobiliario urbano, e será adecuada a esquina situada na parte posterior do polideportivo do instituto como unha ampla zona verde axardinada.

O proxecto presenta un orzamento total de 177.000 euros e é financiado integramente con fondos propios municipais.