• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello organiza un programa de catro xornadas de promoción da saúde que se realizarán en novembro

29/10/2022

Profesionais da psiquiatría, do traballo social, da terapia ocupacional e da nutrición ofrecerán na Laracha ao longo do mes de novembro catro xornadas de promoción da saúde organizadas polo Concello e nas que se convida a asistir á poboación en xeral. Todas as ponencias serán en mércores na Casa da Cultura da Laracha e en horario de tarde.

A primeira celebrarase o día 9 a partir das 19:30 horas. Martina Trillo, dietista e nutricionista da Clínica Diego Pérez, abordará A importancia da alimentación na prevención das enfermidades.

O día 16, tamén desde as 19:30 horas, a xornada versará sobre o Dano cerebral adquirido: causas, prevención e recursos asociativos e será a cargo de Carla Miranda, traballadora social da Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE). Abordaranse cuestións relacionadas co ictus, os traumatismos cerebro vasculares, os factores de risco, as áreas afectadas e a prevención.

O 23 de novembro desde as 17:00 horas o psiquiatra da Unidade de Saúde Mental de Carballo, Alberto Ramos, falará sobre a ansiedade, a depresión e as claves para unha boa saúde mental.

O mércores 30, na última xornada, O alzhéimer: unha realidade analizará esta enfermidade e outras demencias, o seu tratamento e a importancia da familia e das asociacións de familias. Será a cargo de Beatriz Crespo, terapeuta ocupacional da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Bergantiños (AFABER).

A asistencia ás xornadas é libre e gratuíta, sen necesidade de inscrición previa. O obxectivo desta novidosa iniciativa municipal é transmitir á poboación coñecementos prácticos en diversas materias coa finalidade última de mellorar tanto a súa saúde como a de aquelas persoas que poidan estar ao seu cargo.

 

Xornadas promoción da saúde