• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A Mesa de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero nos sectores de sanidade e o ensino aborda a programación municipal en torno ao 25N

27/10/2022

A mesa de traballo sobre coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero nos sectores da sanidade e do ensino celebrou unha nova reunión, copresidida pola concelleira de Muller, Rocío López, e a directora do Centro de Información ás Mulleres da Laracha, Ana Aldao, e na que estiveron membros dos equipos directivos e orientadoras dos centros de ensino do termo municipal (IES Agra de Leborís e CEIPs Otero Pedrayo, Alfredo Brañas e Caión) e a pediatra do centro de saúde da Laracha.

Entre os asuntos máis destacados da xuntanza cabe salientar que se abordou a programación municipal que se vai desenvolver nos colexios e no instituto en torno ao 25 de novembro, o Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres. Como principal novidade, neste ano organizarase un concurso por redes sociais dirixido ao alumnado de secundaria e bacharelato. Ademais, tamén haberá obradoiros de sensibilización, prevención e información especialmente centrados na violencia dixital e nos que se empregarán metodoloxías adaptadas a cada grupo de idade.

O Concello presentará nos próximos días os contidos ao completo do programa municipal en torno ao 25N, que tamén incluirán actividades para a poboación en xeral.

Por outra banda, foi presentado á mesa o protocolo de actuación nas áreas sanitaria, educativa e social ante a detección tanto nos centros de ensino como no centro de saúde de posibles casos relacionados coa violencia de xénero. O Concello trasladou a cada profesional unha guía sobre como proceder para facilitar e optimizar o fluxo de información entre todos os implicados.

O Concello reitera o agradecemento a todos os sectores profesionais representados nestas mesas pola súa total disposición para traballar xuntos na loita contra a violencia de xénero. A semana pasada xa se reunira a mesa de coordinación policial, na que se contou con representación da Garda Civil e da Policía Local.