• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O CONCELLO E A CÁMARA DE COMERCIO DESENVOLVERÁN NA LARACHA TRES ACCIÓNS FORMATIVAS EN DIVERSOS SECTORES

09/01/2017

A Cámara Oficial de Comercio, Servicios, Industria y Navegación de A Coruña, coa colaboración do Concello da Laracha, impartirá nos próximos meses tres accións formativas que teñen por finalidade esencial ampliar os coñecementos e capacidades profesionais dos alumnos para mellorar a súa empregabilidade e ofrecerlles novas posibilidades de integración no mercado laboral.   

 

A primeira das iniciativas que se levará a cabo será o programa de formación para a busca de emprego. Vai dirixido a mozos menores de trinta nos de idade que estean inscritos no Fichero Nacional de Garantía Juvenil, se atopen en situación de desemprego e estean dados de alta no Plan PICE das Cámaras de Comercio. O curso ten unha duración total de 65 horas e impartirase no novo edificio administrativo da Laracha do 23 de xaneiro ao 13 de febreiro.   

 

Nas mesmas instalacións, pero neste caso do 14 de febreiro ao 6 de marzo, desenvolverase outro dos programas que se oferta, neste caso relacionado coaching comercial. Ao longo das súas 60 horas de duración, os participantes aprenderán e adestrarán técnicas para a formación en vendas, polo que a iniciativa vai especialmente dirixida a profesionais con perfil comercial.   

 

A terceira das accións formativas centrarase nas operacións básicas de cociña e manipulación de alimentos. As 60 horas das que consta o curso impartiranse tamén do 14 de febreiro ao 6 de marzo, pero neste caso no centro sociocultural de Lendo.   

 

Nos tres programas o horario lectivo será de 9:00 a 14:00 horas de luns a xoves. Os alumnos que asistan ás sesións formativas e superen as correspondentes probas, recibirán o seu diploma acreditativo.   

 

En todos os casos o prazo de inscrición xa está aberto. As persoas interesadas deben dirixirse á Cámara Oficial de Comercio, Servicios, Industria y Navegación de A Coruña para ampliar información e presentar as súas instancias.   

 

Estas accións formativas contan co cofinanciamento da Cámara de A Coruña, a Cámara de Comercio de España, o Fondo Social Europeo e o Ministerio de Empleo y Seguridad Social.