• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello organiza un novo programa de andainas por entornos fluviais dirixidas a maiores de 55 anos

12/10/2022

O Concello organiza o programa Outono Activo, unha nova iniciativa que inclúe andainas por entornos fluviais do termo municipal e que vai dirixida a persoas maiores de 55 anos de idade. O propósito é ofrecer a ese colectivo a oportunidade de realizar actividade física ao aire libre e descubrir lugares e paraxes de alto valor natural, paisaxístico e patrimonial pola riqueza etnográfica dos muíños de auga que se atoparán nos roteiros.

A primeira das andainas será o xoves 20 de outubro. Trátase dun percorrido de sete quilómetros e dificultade moderada a carón do río Bradoso, con inicio e fin na escola de Cumiáns.

A segunda cita será o xoves 27 de outubro con outra ruta de cinco quilómetros, tamén de dificultade moderada, polo río Acheiro, con inicio e fin no museo dos Muíños de Golmar.

Nestes dous casos os participantes sairán en autobús desde a Praza Olonne sur Mer ás 10:00 horas e terán transporte de regreso ao rematar a andaina.

O xoves 3 de novembro realizarase a última das rutas, con protagonismo para o río Anllóns. A saída será ás 10:00 horas desde a Praza Olonne sur Mer e o final en Cabovilaño, con regreso en autobús tras un percorrido de sete quilómetros de dificultade baixa.

A inscrición nas tres andainas de Outono Activo abrirase mañá xoves. É gratuíta e vai dirixida en exclusiva a persoas maiores de 55 anos de idade e empadroadas no termo municipal da Laracha. Para anotarse é preciso cubrir este FORMULARIO DE INSCRICIÓN ou tamén pode facerse contactando no edificio administrativo da Laracha de xeito presencial ou chamando ao 981612811.