Concello
O Concello convoca o evento gastronómico “Destapa A Laracha”, que se celebrará nas fins de semana de novembro
08/10/2022
O Concello organizará en novembro a primeira edición do evento gastronómico Destapa A Laracha, no que están convidados a participar todos os locais de hostalería do termo municipal. Os obxectivos son dinamizar o sector da restauración, potenciar os produtos, fomentar a colaboración e as relacións comerciais entre o tecido empresarial larachés e desestacionalizar a oferta turística.
Ademais, con esta iniciativa dáse un paso máis con respecto aos certames celebrados noutros anos e que gardaban certa similitude con este, xa que agora a duración será de catro fins de semana e poderán formar parte do concurso establecementos das trece parroquias.
Nos próximos días as bases de Destapa A Laracha publicaranse no Boletín Oficial da Provincia (BOP). Ata o 25 de outubro permanecerá aberto o prazo de inscrición para os seguintes colectivos profesionais:
- Establecementos de hostalería que desexen participar no certame.
- Comercios laracheses nos que se poidan empregar os vales de compra que se repartirán como agasallos aos consumidores.
As Empresas doutros sectores que queiran colaborar co evento, poderán facelo tamén ao longo do mes de novembro.
A celebración de Destapa A Laracha será durante as catro fins de semana (de venres a domingo) do mes de novembro. Neses días e franxas horarias que o establecemento desexe (comunicándoas previamente á organización do evento) deberá ofrecer ao público ao prezo de 1,90 euros a tapa coa se inscribiu no concurso. A elaboración é libre, podendo escoller cada local os ingredientes e modo de elaboración que estime oportunos.
Haberá dúas modalidades de premios, dotadas cada unha delas con 1.000 euros, que se outorgarán ás tapas mellora valoradas polo:
- Xurado popular: a clientela terá a súa disposición un pasaporte impreso con espazo para que cada establecemento no que consuman unha tapa poña o seu selo e para indicar a súa valoración persoal. Para que o voto sexa válido, debe conter selos de cinco establecementos diferentes de, alo menos, tres parroquias distintas.
- Xurado acreditado experto: configurado por tres profesionais do sector da hostalería e da cociña, que visitarán cada local de forma anónima e reuniranse posteriormente para decidir o gañador.
Aqueles consumidores que emitan o seu voto válido e que, polo tanto, formen parte do xurado popular, entrarán no sorteo de premios, consistentes en vales de compra de 30 euros para gastar no comercio local adherido á iniciativa, cofres regalo e os agasallos que cedan as empresas colaboradoras
Destapa A Laracha tamén conta coa súa propia páxina web. En www.destapaalaracha.com deben inscribirse os establecementos participantes e empresas e entidades colaboradoras. Tamén se informará puntualmente sobre todas as novidades do certame.