• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O servizo de atención temperá trasládase ás novas instalacións do edificio de servizos múltiples

04/10/2022

O servizo de atención temperá estrea as novas instalacións adaptadas polo Concello no primeiro andar do edificio de servizos múltiples da Laracha. O alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Servizos Sociais, Rocío López, visitaron ese novo emprazamento xunto ao novo persoal deste programa, composto desde este curso por psicóloga, terapeuta ocupacional, fisioterapeuta e logopeda.

As instalacións, de titularidade municipal e situadas na céntrica Avenida Doutor López Astray da Laracha, destacan pola súa amplitude e contan co equipamento necesario para reforzar o servizo de acordo ás necesidades que presentan tanto os profesionais como os usuarios do programa.

O servizo de atención temperá consiste nun conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil (0 a 6 anos), á súa familia e ao seu contorno, que teñen por obxectivo dar resposta o antes posible ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos para facilitar a súa autonomía persoal e inclusión social. A clave é poder detectar esas dificultades o ante posible para obter os mellores resultados da atención profesional e que redunden nun máis óptimo proceso evolutivo do cativo.

Actualmente son trinta e cinco os menores usuarios deste servizo no Concello da Laracha. É preciso lembrar que a derivación dos nenos ao programa de atención temperá é a través do servizo de pediatría do centro de saúde, ao que debe acudir a familia se sospeita que o cativo pode presentar un trastorno do desenvolvemento. Posteriormente será valorado polo equipo municipal de servizos socias. Pódese solicitar cita previa chamando ao 981612811.

O servizo de atención temperá préstase desde o Concello da Laracha co apoio económico da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia.