• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)

O CONCELLO DA LARACHA RECIBE DE AFABER O CERTIFICADO DE “LOCALIDADE SOLIDARIA CO ALZHEIMER”

21/11/2016

José Manuel López Varela, alcalde da Laracha, e Rocío López, concelleira responsable da área de servizos sociais, recibiron de mans de Jesús Villar, presidente da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Bergantiños (AFABER), o certificado de Concello declarado solidario co alzheimer.  

Foi hai agora catro anos, en setembro de 2012, cando o Concello da Laracha aprobou no Pleno da Corporación municipal a declaración institucional segundo a cal mostraba a súa solidariedade coas vítimas desta enfermidade e as súas familias. Iso implicou apoiar a iniciativa promovida pola Federación de Asociaciones Gallegas de Familiares de Enfermos de Alzheimer y Otras Demencias (FAGAL) para a posta en marcha de medidas especificamente dirixidas a paliar os efectos do alzheimer e tamén o desenvolvemento de accións de sensibilización relacionadas con este problema sociosanitario.  

Ao longo dos últimos catro anos, e sempre coa colaboración de AFABER, no Concello da Laracha leváronse a cabo iniciativas como sesións informativas nas que se axudaba a detectar os primeiros síntomas da enfermidade, así como un curso dirixido a coidadores de persoas con alzheimer co propósito de compartir experiencias e ofrecerlles pautas positivas para afrontar o seu labor.  

José Manuel López Varela e Rocío López aproveitaron a visita de Jesús Villar para reiterarlle a plena disposición do Concello da Laracha para continuar colaborando con AFABER na organización e desenvolvemento de programas e iniciativas dirixidas ás vítimas do alzheimer, tanto ás persoas enfermas como aos seus familiares e coidadores.

Compartir: