Concello
O Concello oferta 31 actividades para nenos e adultos no programa municipal cultural e deportivo de inverno
26/09/2022
O alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Cultura e Deportes, Patricia Bello, acompañados polo técnico de deportes, a animadora cultural e os monitores que impartirán as diferentes disciplinas, presentaron hoxe a oferta incluída no programa municipal de actividades de inverno 2022-2023 que se vai desenvolver desde o mes de outubro e ata finais de maio. En total hai trinta e unha propostas diferentes, das cales quince son para o público infantil e outras dezaseis, para persoas adultas.
O alcalde abriu o acto afirmando que este programa, “moi amplo e dirixido a todo tipo de poboación”, é “unha aposta importante” nos aspectos económico e organizativo que cada ano leva a cabo o Concello. Os obxectivos esenciais son o aproveitamento do tempo libre dos veciños, facilitar a práctica de actividades deportivas e culturais entre os adultos e os rapaces, favorecer a conciliación da vida persoal e laboral das familias con nenos ao seu cargo e aprender novos coñecementos útiles para a vida cotiá.
A concelleira de Cultura e Deportes explicou polo miúdo as novidades desta edición xa que, ademais de manterse “as actividades que levan anos funcionando ben”, neste ano incorpóranse ao programa as propostas de ioga infantil, macramé, danza urbana e iniciación ao skate, os dous últimos coa pretensión de “chegar ao público xuvenil”. Precisamente o curso de iniciación ao skate farase desde o próximo mes de marzo nas instalacións que están a ser construídas a carón do IES Agra de Leborís.
A oferta completa de actividades para nenos e mozos inclúe, ademais das novidades de danza urbana, skate e ioga, fútbol sala, informática, manualidades e debuxo, pádel, patinaxe, obradoiro de cociña infantil, robótica e gaming, teatro, tiro con arco, voleibol, xadrez e zumbea kids.
O público adulto poderá participar en aeróbic, arte floral, bailes latinos, cociña, danza urbana, encaixe de palillos, informática, ioga, manualidades e pintura ao óleo, labores de tecido, memoria e alfabetización, macramé, pádel, pilates, restauración e tapizaría, teatro, zumbea e ximnasia de mantemento. Esta última ofértase na totalidade das parroquias para facilitar que poidan asistir todos os públicos, en especial as persoas maiores residentes no rural.
Patricia Bello avanzou outra das principais novidades deste ano, que consistirá no sistema de inscricións que se abrirá o luns da próxima semana, día 3 de outubro, ás 9:00 horas. O Concello habilitará unha web específica con pasarela de pago a través da que calquera persoa poderá anotarse en liña. Tamén se seguirá ofrecendo a opción de inscribirse presencialmente acudindo ao Concello.
Cabe lembrar que para poder apuntarse é requisito que a persoa participante estea empadroada no termo municipal. Só no caso de que queden prazas dispoñibles, ofreceríase a posibilidade de participar aos nenos non empadroados que sexan alumnos dalgún dos colexios do Concello da Laracha.
A cota xeral de inscrición será idéntica á de anteriores edicións: vinte euros por toda a duración dos cursos. Están contemplados descontos para as persoas que se apunten a máis dunha actividade (15 euros a segunda e dez euros a terceira e seguintes). Tamén existen reducións do cincuenta por cento no prezo das actividades para os menores de dezaoito anos, as persoas maiores de sesenta e cinco anos, familias numerosas e aquelas familias nas que todos os membros se atopen en situación de desemprego.
DESCARGA