Concello
O Concello súmase como entidade colaboradora do proxecto ‘Diversiplás’ da asociación Íntegro
22/09/2022
O Concello vén de sumarse como entidade colaboradora do proxecto ‘Diversiplás’ impulsado pola asociación Íntegro, entidade social sen ánimo de lucro que desde hai trinta anos promove a integración das persoas con diversidade funcional nas comarcas da Costa da Morte.
‘Diversiplás’ é un proxecto dirixido á recuperación e valorización de residuos plásticos derivados da actividade marisqueira e da pesca que ten como protagonistas a diferentes axentes sociais da Costa da Morte. Coordinado pola asociación Integro, conta co apoio do GALP Costa da Morte e o financiamento do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca a través da Consellería do Mar da Xunta de Galicia. Entre os seus obxectivos figuran promover a inclusión social das persoas con diversidade funcional preservando o medio natural da Costa da Morte e xerando novas dinámicas colaborativas para a posta en marcha de proxectos de economía circular.
O alcalde, José Manuel López Varela, e os edís José Ramón Martínez e Rocío López, recibiron no Concello ao presidente -Alfonso López- e á directora -Noelia Barreira- de Íntegro, que cederon ao Concello dous contedores brancos que serán instalados na biblioteca municipal da Laracha e no centro sociocultural de Paiosaco. Tamén haberá un contedor idéntico na Confraría de Pescadores de Caión, que do mesmo xeito que o Concello tamén é unha entidade colaboradora nesta iniciativa.
Aquelas persoas que desexen cooperar con ‘Diversiplás’ deben depositar neses recipientes os envases de plástico que conteñan os símbolos 2 (polietileno de alta densidade), 5 (polipropileno) e 6 (poliestireno), sen etiquetas e lavados con auga e xabón.
En próximas datas Íntegro ten previsto levar a cabo accións informativas dirixidas especialmente ao público infantil para explicarlles polo miúdo o tipo de envases que poden ser empregados por ‘Diversiplás’ e animalos a colaborar con ese programa.