Concello
A nova edición do programa ‘Outono de Contos’ incluirá por primeira vez lecturas educativas con cans
22/09/2022
A nova edición do programa ‘Outono de Contos’, que o Concello pon en marcha cada ano por estas datas, incluirá cinco sesións de contacontos teatralizados e, por primeira vez, unha novidosa iniciativa consistente na lectura educativa con cans.
Este programa, que se vai levar a cabo nas tres bibliotecas municipais, pretende o triplo obxectivo de ofrecer aos nenos unha alternativa divertida para o seu tempo de ocio, favorecer a conciliación da vida persoal e laboral dos seus pais e, como aspecto central, fomentar a lectura entre os máis pequenos da casa.
Na organización deste programa o Concello conta coa colaboración da Dirección xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia no marco do programa de dinamización da lectura Ler conta moito para a Rede de Bibliotecas de Galicia.
‘Outono de Contos’ principiará o venres da próxima semana (30 de setembro) con Xogar e aprender galego mola! A miña familia é a mellor a cargo de Gema Pardo. Será desde as 18:00 h na biblioteca da Laracha e dirixido a nenos de entre 4 e 7 anos de idade.
O domingo 2 de outubro na Casa da Cultura da Laracha a partir das 12:00 horas ofrécese o contacontos para bebés Arrolos, de Mamá Cabra.
O venres 7 de outubro ás 18:00 h na biblioteca de Caión Sabela Gago realizará o contacontos O señor do Castelo, dirixido a maiores de catro anos.
Para ese mesmo público tamén está pensando o espectáculo A pequena gran inventora, de Trémola Teatro, que terá lugar o venres 14 de outubro desde as 18:00 h na biblioteca de Paiosaco.
O último dos contacontos será Toupiciencia, de A Xanela do Maxín, o venres 21 de outubro tamén a partir das 18:00 h na biblioteca da Laracha.
Lectura educativa con cans
O Concello pon en marcha esta novidosa iniciativa co obxectivo de mellorar as habilidades de lectura dos nenos mediante a intervención de cans especialmente adestrados para establecer con eles unha conexión emocional e relacionarse co lector segundo as súas necesidades.
Vai dirixida a rapaces de idades comprendidas entre os 5 e os 11 anos. Levarase a cabo na biblioteca de Caión (28 de outubro), Paiosaco (4 de novembro) e A Laracha (11 de novembro), sempre en horario de 17:30 a 19:30 horas.
Dado que as prazas son limitadas, nas lecturas educativas con cans requírese de inscrición previa, que é gratuíta, na biblioteca correspondente.
Descarga: Cartel