Concello
Concello e Xunta cofinancian o proxecto de mellora da sinalización no parque empresarial
16/09/2022
O proxecto de mellora da sinalización no ámbito do parque empresarial está en fase de execución, como puideron comprobar hoxe o alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira Patricia Bello nunha visita ao lugar das actuacións.
Esta ampla actuación deseñada polo Concello e cofinanciada pola Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia presenta dúas liñas de intervención diferenciadas.
Por unha parte está a sinalización horizontal que ten por obxecto guiar e canalizar o tráfico dentro dos carrís de circulación e aumentar a seguridade viaria. Ditas marcas serán repintadas nos accesos, rúas e glorietas do ámbito industrial para incrementar a visibilidade das mesmas. Tamén están a ser remarcadas as prazas de estacionamento público de vehículos, bordillos, pasos de peóns, cebreados, símbolos (ceda o paso, stop, etc) e frechas. En total son 13.571 metros lineais os que serán remarcados con pintura reflexiva de cor branca e amarela.
A outra liña de intervención consiste na instalación de nova sinalización vertical tanto no interior do propio parque empresarial como nas estradas próximas a el, neste último caso para informar aos condutores sobre a dirección que deben seguir para chegar ao polígono industrial da Laracha.
O orzamento sitúase en torno aos 50.000 euros.

