Concello
O xoves 15 de setembro reabrirán os centros sociais da Laracha, Paiosaco e Caión
14/09/2022
Desde mañá os tres centros sociais municipais volverán estar a disposición dos usuarios nos seus tradicionais emprazamentos: edificio de servizos múltiples da Laracha, centro sociocultural de Paiosaco e edificio da antiga casa reitoral de Caión.
O novo horario será idéntico nas tres localizacións: de luns a sábado pola tarde, de 16:00 a 20:00 h. Permanecerán pechados os domingos e festivos.
Os centros sociais son instalacións municipais que o Concello ofrece especialmente ás persoas maiores para que poidan desfrutar dun punto de encontro que dispón de servizo de cafetería e prezos bonificados para os usuarios. O obxectivo esenciais son fomentar o envellecemento activo e evitar a exclusión social.
Estes equipamentos foran pechados temporalmente por causa da pandemia da Covid-19. A reapertura faise unha vez completado o procedemento de adxudicación do contrato de xestión, que tamén inclúe o control de acceso e a limpeza das instalacións municipais nas que se sitúan. O Concello destinará a este servizo con fondos propios municipais 76.751,56 cada ano, polo que o valor do contrato, adxudicado por dous anos prorrogables por outros dous máis, ascende a máis de 300.000 euros.