• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A Conta Xeral de 2021 certifica a rigorosa xestión económica do Concello

02/09/2022

Hoxe celebrouse unha reunión da Comisión Informativa Permanente de Asuntos Económicos, Facenda e Especial de Contas na que foi sometida a ditame a Conta Xeral do ano 2021, que certifica a rigorosa xestión económica do Concello da Laracha.

Segundo os datos do informe de intervención, o orzamento definitivo de 2021, equilibrado en gastos e ingresos, péchase en 12.928.015,99 euros, o que significa un incremento próximo ao 56 % con respecto ás previsións iniciais (8.305.000 euros), evidenciándose a prudencia no momento da elaboración dos presupostos.

No que atinxe aos pagamentos orzamentarios, realizáronse o 100 % das obrigas recoñecidas, un dato que debe analizarse conxuntamente co estrito cumprimento durante os catro trimestres dos prazos de pagamento a provedores, que se efectuaron nunha media de 8,54 días.

As contas tamén arroxan un remanente líquido de tesourería para gastos xerais que ascende a 1.885.41,43 euros, parte dos cales xa foron incorporados nos orzamentos do ano en curso como suplementos de crédito e créditos extraordinarios para o financiamento de investimentos en infraestruturas e outras iniciativas de interese xeral.

Ademais, o resultado orzamentario, que é a magnitude que reflicte a diferenza entre os dereitos e as obrigas recoñecidas, sitúase en positivo e alcanza a cifra de 1.719.730,89 euros.

Tralo ditame favorable da Comisión Informativa, a Conta Xeral do ano 2021 será publicada no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e estará 23 días hábiles en exposición pública. Posteriormente elevarase ao Pleno e, unha vez aprobada, será remitida ao Consello de Contas para a súa fiscalización.

Este balance do exercicio económico 2021 avala as políticas municipais desenvolvidas tanto no último ano como nos anteriores, baseadas na xestión responsable dos recursos dispoñibles para conservar e ampliar a cobertura en infraestruturas, instalacións e programas que se prestan desde o Concello da Laracha, sen acudir ao endebedamento con entidades financeiras e conxelando os tributos e taxas municipais.