• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Bo ritmo de actuación nas obras de construción do parque de patinaxe

28/08/2022

As obras de construción do parque de patinaxe Skatepark que o Concello está a crear na parte traseira do IES Agra de Leborís avanzan a bo ritmo de actuación. A primeira fase dos traballos, consistente no movemento de terras e as canalizacións soterradas dos servizos de abastecemento, electricidade e recollida de augas pluviais, están practicamente rematadas. Ao longo dos próximos días os traballos centraranse na cimentación e formigonado.

O Skatepark disporá de diferentes tipos de planos inclinados e costas para ofrecer un amplo abano de posibilidades de movementos, piruetas e acrobacias para as diversas disciplinas. Contará, ademais, cunha fonte de auga potable e iluminación en báculos e proxectores simétricos LED.

Neste ambicioso proxecto o Concello inviste 155.000 euros procedentes integramente de fondos propios municipais. Promóvese coa finalidade de ofrecer unha nova opción para potenciar os estilos de vida saudables especialmente entre o público adolescente e xuvenil a través da práctica deportiva.

Precisamente o Concello está a crear nesta zona un espazo de equipamentos deportivos de uso libre e de referencia na capital municipal. Ademais do parque de patinaxe, xa están dispoñibles dúas pistas polideportivas e tamén será construído un circuíto de calistenia.