Concello
Aberto o prazo para solicitar a participación na convocatoria de bolsas de estudos municipais
26/08/2022
No Boletín Oficial da Provincial (BOP) xa están publicadas as bases da convocatoria do Concello da Laracha sobre as axudas ás familias para a escolarización dos seus fillos, cuxo obxectivo é colaborar cos gastos derivados do inicio do curso escolar 2022-2023 na adquisición do material escolar e didáctico complementario, vestiario ou calquera outro desembolso directamente relacionado coa actividade educativa. Tamén se inclúe por primeira vez nesta convocatoria a posibilidade de xustificar a axuda con material informático.
Ata o día 30 de setembro as persoas interesadas en optar a unha das bolsas de estudos municipais convocadas deben presentar as súas instancias debidamente cubertas e coa documentación requirida. Unha vez rematado o prazo, a Comisión de Valoración analizará todas as solicitudes presentadas atendendo a criterios educativos e económicos, beneficiando principalmente ás familias con menos recursos económicos.
Poden participar no procedemento todos os estudantes empadroados no municipio, desde alumnos de educación infantil ata universitarios. A convocatoria está dotada con 75.000 euros, cun incremento de 20.000 euros con respecto ao exercicio anterior que permitirá incrementar a contía das axudas, que pasarán a ser de 165 euros para os beneficiarios das bolsas de estudos que sexan estudantes de educación infantil, 150 euros para os de educación primaria, secundaria obrigatoria e programas de garantía social, 225 euros para os estudantes de bacharelato e ciclos formativos de grao medio e superior, 350 euros para aqueles alumnos que presenten necesidades educativas especiais e 400 euros para os que cursen estudos universitarios (grao medio, superior e máster). Cabe lembrar que estas axudas municipais son compatibles con calquera convocatoria de bolsas de estudos realizada por outra administración ou institución.
O goberno municipal da Laracha decidiu incrementar neste curso a achega económica para esta convocatoria e a contía das bolsas de estudos municipais para os beneficiarios consciente das dificultades económicas que supón para moitas familias o inicio do curso dos alumnos, e co propósito esencial de facilitar o proceso de formación dos veciños como o elemento fundamental para o seu desenvolvemento persoal.
Descarga: Impreso de solicitude