• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O alcalde reclama a cobertura das baixas no posto da Garda Civil da Laracha e maior presenza de axentes nas rúas do concello

08/08/2022

Esta mañá celebrouse no Concello da Laracha unha reunión da Xunta Local de Seguridade, sesión que estivo copresidida polo alcalde, José Manuel López Varela, e a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas. Tamén asistiron por parte da Subdelegación do Goberno a vicesecretaria xeral -Eva Vázquez Castelo- e xefa da unidade contra a violencia sobre a muller –María Isabel Álvarez-; pola Garda Civil o coronel xefe da Comandancia da Coruña -Francisco Javier Jambrina- e o sarxento do posto da Laracha -Miguel Rodríguez Monelos-; e polo Concello o tenente alcalde -José Ramón Martínez Barbeito-, o xefe da Policía Local -Víctor Vilanova- e a directora do Centro de Información ás Mulleres (CIM) -Ana Aldao-.

O alcalde explicou que o motivo principal da convocatoria desta xuntaza foi analizar a situación actual da seguridade cidadá e a preocupación do Concello e da veciñanza polo número de efectivos que están actualmente operativos no posto da Garda Civil da Laracha. Neste sentido solicitou a cobertura das baixas dos axentes do instituto armado para garantir que o servizo se preste en condicións óptimas e que poida haber unha maior presenza nas rúas do termo municipal. Ademais, ante a celebración das Festas Patronais da Laracha do 14 ao 17 deste mes de agosto, e coa previsión de que determinados eventos, especialmente as verbenas nocturnas, congreguen na vila a milleiros de persoas, reclamou a cooperación da Garda Civil como apoio no operativo da Policía Local durante eses días.

Pola súa parte, o xefe da Policía Local, Víctor Vilanova, achegou o dato de que o corpo de seguridade municipal leva realizadas no que vai de ano 2022 un 38 % máis de intervencións con respecto ao mesmo período do curso pasado.

Tamén o coronel da Garda Civil constatou un crecemento nas estatísticas delictivas con respecto a 2021, pero apuntou que na comparativa co 2019, antes da pandemia, a delincuencia na Laracha diminuíu nun 1,96 %, polo que concluíu que A Laracha é un municipio seguro.

Por último, abordouse a situación do concello en materia de violencia de xénero. A directora do CIM detallou os acordos tomados nas últimas reunións das mesas de coordinación interinstitucional sobre esa temática, destacando que se elaborará un protocolo de actuación para cada ámbito profesional representado nas mesmas (centro de saúde, centros de ensino, servizos sociais e forzas e corpos de seguridade). Tamén puxo en valor a atención máis especializada que se está a ofrecer ás vítimas grazas á coordinación co equipo VioGén do posto da Garda Civil de Carballo. Por último referiuse ao incremento na achega económica para A Laracha procedente do Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero, o que permite levar a cabo novas iniciativas de información, sensibilización e prevención desta problemática social.