• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello suspende a rega nas zonas verdes públicas e o servizo de duchas na praia de Caión

05/08/2022

O Concello da Laracha vén de tomar medidas ante a activación da prealerta por escaseza de auga na zona correspondente ao sistema de explotación do río Anllóns anunciada por Augas de Galicia trala xuntanza da Oficina Técnica da Seca. A decisión vén motivada polos datos da estación de aforo do río Anllóns, que manifestan un drástico descendo dos caudais no último mes, e polas previsións de falta de chuvias a curto-medio prazo.

Así, o Concello acordou suspender desde hoxe a rega nas zonas verdes públicas e tamén o servizo de duchas na praia de Caión. O próximo luns o alcalde, José Manuel López Varela, manterá reunións coa dirección de Augas de Galicia e con responsables de Viaqua -empresa concesionaria dos servizos de abastecemento e saneamento de auga- para analizar a situación e, de ser o caso, consensuar outras medidas a aplicar.

O Concello fai un chamamento á cidadanía para un consumo responsable da auga, evitar usos innecesarios e manter o caudal ecolóxico. Nese sentido solicítase, tamén, que a título individual e particular os laracheses activen medidas de aforro tales como restrinxir as regas, evitar o lavado innecesario dos vehículos, non empregar auga potable para o enchido das piscinas ou reutilizar a auga para outros usos.