• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello presenta á Xunta de Galicia un novo proxecto educativo dirixido á inclusión social de colectivos en risco

14/10/2021

Na última sesión da Xunta de Goberno Local acordouse solicitar a participación na convocatoria de subvencións da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, dirixida ás corporacións locais para o desenvolvemento de iniciativas que favorezan a inclusión social de colectivos en risco. A operación será financiada pola Unión Europea a través do Fondo Social Europeo como parte da resposta da Unión á pandemia da Covid-19.

A través desta liña de axudas o Concello pretende financiar dous proxectos. Un deles sería dar continuidade ao programa Educa en positivo, que xa se vén realizando nos últimos anos. Procura responder dun xeito integral ás necesidades educativas daquelas familias con menores ao seu cargo e que se atopan en situación de vulnerabilidade ou risco de exclusión social. Faise a través das accións Un paso adiante, que ofrece un reforzo educativo fóra do horario lectivo, e Aprendemos xuntos, neste caso centrada na orientación e formación ás familias con menores para o exercicio dunha parentalidade positiva.

O outro proxecto complementario que o Concello pretende organizar por primeira vez denomínase A Laracha acolle e iría dirixido exclusivamente a persoas inmigrantes. Tamén contaría con dúas accións, sendo unha delas un obradoiro de alfabetización en castelán e galego e, a outra, o programa Exprésate, que persegue crear un espazo de socialización para que os participantes poidan coñecer os valores, funcionamento, patrimonio e cultura larachesa.