• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Os Concellos da Laracha e Arteixo organizarán un novo obradoiro de emprego co apoio da Xunta de Galicia

02/08/2022

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia vén de resolver as subvencións outorgadas para a organización de obradoiros duais de emprego. O proxecto presentado polos Concellos da Laracha e de Arteixo foi un dos mellor puntuados pola Comisión Central de Valoración e, por tanto, ambos municipios terán a oportunidade de volver organizar en conxunto, por sexta vez, un programa destas características.

O obradoiro A Laracha-Arteixo: colaborando polo emprego VI é un programa mixto de formación e emprego dirixido a persoas que se atopan en situación de busca activa dun posto de traballo. O obxectivo é mellorar o seu currículo a través da formación e ofrecerlles un emprego remunerado ao mesmo tempo que realizan traballos de interese comunitario para ambos municipios.

Nesta ocasión o programa consta de dúas especialidades con dez alumnos traballadores en cada unha delas –vinte en total- máis as cinco persoas que comporán o equipo directivo, formativo e administrativo. A especialidade que realizará as intervencións no termo municipal da Laracha e a de actividades auxiliares en conservación e mellora de montes, sendo o seu punto de actuación exclusivo o Castro de Montes Claros. Os labores que se realizarán terán por finalidade a posta en valor do xacemento e do seu entorno, respectando o valor arqueolóxico e preparándoo para un desenvolvemento ecolóxico e práctico. Continuando coas intervencións realizadas nos anos anteriores, a intervención centrarase na limpeza da croa, reducindo a presenza de especies vexetais invasoras (fundamentalmente, os rebrotes de eucalipto) e potenciando as autóctonas como os castaños e carballos, aos que se aplicarán tratamentos de enxerto e poda.

Esta iniciativa é un exemplo máis da decidida aposta do Concello da Laracha pola recuperación e posta en valor do Castro de Montes Claros. Actualmente están executándose simultaneamente dúas intervencións de limpeza a cargo do campo de voluntariado e das cuadrillas mediambientais municipais. Traballos de similares características realizaranse a través deste obradoiro de emprego. A cuarta actuación no castro neste ano será a segunda fase da escavación arqueolóxica prevista para iniciarse a finais de setembro.

Pola súa parte, a especialidade a desenvolver no Concello de Arteixo será a de limpeza en espazos abertos e instalacións industriais, con actuacións en varios núcleos urbanos como a capital municipal, Meicende, Pastoriza, Vilarrodís Oseiro e A Groufa. En Arteixo ambas especialidades realizarán ao completo a fase de formación teórica.

O orzamento total do obradoiro de emprego A Laracha-Arteixo: colaborando polo emprego VI supera os 640.000 euros, a financiar entre ambos Concellos (A Laracha achegará 86.000 euros) e a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade. A duración será de doce meses, período durante o cal os alumnos-traballadores, que  estarán vinculados aos Concellos cun contrato de formación, ademais de acceder a unha remuneración e realizar actuacións de interese xeral para a veciñanza, ao completar a especialidade correspondente recibirán o certificado de profesionalidade que acreditará a súa formación, cualificación e competencia para exercer a profesión, mellorando por tanto a súa empregabilidade e facilitando a posterior inserción no mercado laboral.

En próximas datas iniciaranse os procesos selectivos. As persoas que desexen optar a un dos postos de alumnos-traballadores deben estar empadroadas nos termos municipais da Laracha e Arteixo, atoparse en idade laboral e estar inscritas na súa oficina de emprego de referencia como demandantes de emprego e, ademais, como interesadas en participar en programas formativos como este obradoiro.