• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Aprobados por unanimidade todos os puntos da orde do día do Pleno

28/07/2022

No Pleno ordinario celebrado hoxe houbo unanimidade dos tres grupos municipais en todos os puntos que conformaban a orde do día.

O asunto máis destacado foi a aprobación dun suplemento de crédito e dun crédito extraordinario que posibilitará incorporar aos orzamentos municipais un total de 585.155,22 euros do remanente líquido de tesourería como fonte de financiamento para diversos fins de interese xeral para a cidadanía larachesa que foron detallados polo alcalde.

José Manuel López Varela explicou que 95.000 euros serán para a adquisición dunha parcela de preto de 9.000 metros cadrados de superficie en Paiosaco “que se destinará a equipamentos e está situada nas inmediacións do resto de instalacións públicas da vila como o CEIP Alfredo Brañas, o campo de fútbol A Porta Santa e o centro sociocultural, aos que servirá de complemento”. Trátase dunha “aposta importante”, xa que permitirá “ir incorporando distintas dotacións, e mesmo vincular algunhas ao colexio”. A primeira delas xa está proxectada, financiarase tamén co mesmo crédito extraordinario aprobado hoxe e consiste na construción dunha pista polideportiva descuberta valorada en 157.000 euros.

Outro proxecto que se financiará co remanente e valorado en 227.000 euros consiste na reforma integral do complexo deportivo da piscina municipal da Laracha. O rexedor informou á Corporación sobre as actuacións previstas tanto no exterior como no interior da instalación. Na zona da piscina intervirase no vaso, o teito, a praia e tamén o equipamento do aire. No ximnasio será renovado por completo o solo e incorporada nova maquinaria. López Varela apuntou que, unha vez estean executadas estas actuacións, o Concello sacará unha nova licitación para a xestión do complexo.

O alcalde tamén explicou polo miúdo os propósitos da redacción dos estudos técnicos a financiar co remanente. Por unha parte está a posta en valor da carballeira de San Fins, recentemente adquirida polo Concello e que considera é “unha das mellor conservadas da Costa da Morte”. A pretensión é crear nas súas 2,5 hectáreas “zonas de recreo, pera sobre todo espazos para visitar con fins educativos e didácticos, e por iso queremos que o estudo o realice unha entidade de referencia nesa temática”. Por outra parte, financiarase tamén a redacción do Plan Especial do entorno da igrexa de San Martiño de Lestón, onde se creará unha praza con espazo de aparcamento e serán mellorados os accesos ao cemiterio e as comunicacións desde O Igrexario ata Fofelle e As Rañeiras, enlazando as dúas estradas.

As outras actuacións a financiar co remanente son a achega municipal para a reforma do centro sociocultural da Insua en Caión (instalacións que actualmente albergan o centro de saúde da vila), e a adquisición tanto dos terreos necesarios para ampliar o punto limpo da Laracha como dos que se requiren para incrementar os espazos públicos xunto ao pavillón de Xermaña (Caión), o que permitirá mellorar os accesos á area de autocaravanas.

Tamén houbo acordo pleno na aprobación da apertura de expedientes de investigación sobre o inventario de camiños para posibles modificacións do mesmo ante as solicitudes presentadas por particulares. López Varela aclarou que “se tomarán as decisións oportunas” de acordo ao resultado dos informes técnicos.

Así mesmo, acordouse formalmente poñer a disposición da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades os 13.761 metros cadrados de terreos situados xunto ao CEIP Otero Pedrayo recentemente adquiridos con fondos municipais co propósito de aumentar a superficie vinculada a ese centro, dos cales uns 12.000 metros serían para futuros equipamentos e dotacións. As primeiras actuacións, que se prevé iniciar xa neste verán, son a creación dun novo peche perimetral nesa zona e o acondicionamento dun acceso principal para os autobuses do transporte escolar, así como áreas de estacionamento.

Por último, a unanimidade repetiuse na aprobación de dúas mocións. Nunha delas ínstase á Deputación da Coruña, como titular das vías, a mellorar as estradas DP-1913 A Laracha-Canteira de Soandres e a DP-0513 entre Paiosaco e Caión, neste última caso solicitando unha intervención urxente para renovar o pavimento e os pasos para peóns no único acceso rodado á vila de Caión pola Avenida da Laracha.

A outra moción tivo por finalidade a adhesión do Concello da Laracha á declaración sobre a defensa do ceo nocturno e o dereito á luz das estrelas, e remitir o acordo á Fundación Starlight.