• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O alcalde e directora xeral de formación para o emprego e orientación presidiron o acto de clausura do ‘Obradoiro de emprego A Laracha VII'

28/07/2022

O Obradoiro de Emprego A Laracha VII finalizou hoxe co acto de clausura celebrado na Casa da Cultura no que o alcalde, José Manuel López Varela, e a directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado -xunto á concelleira de Emprego, Rocío López, e a directora do obradoiro-, fixeron entrega dos diplomas ao alumnos traballadores deste programa dual de formación e emprego desenvolvido grazas á cooperación entre o Concello da Laracha e a Xunta de Galicia.

Durante os últimos nove meses vinte persoas que se atopaban en situación de desemprego tiveron a oportunidade de aprender un oficio, realizar traballos de interese xeral durante a fase práctica da formación e obter unha remuneración económica durante o período formativo.

O equipo directivo, formativo e administrativo estivo composto por cinco persoas. Dez alumnos traballadores desenvolveron a súa actividade na especialidade de atención sociosanitaria a persoas en institucións sociais, realizando as prácticas nos centros de día e residenciais da Laracha, Arteixo e na Real Institución Benéfico Social Padre Rubinos da Coruña. Os outros dez alumnos foron da especialidade de pintura industrial en construción, sendo os seus puntos de actuación o centro sociocultural das Rañeiras, o campo de fútbol A Porta Santa de Paiosaco, o complexo deportivo do campo Municipal da Laracha e o edificio do antigo matadoiro municipal, hoxe reconvertido en almacén.

A directora do obradoiro iniciou o acto cunha proxección de imaxes acompañada cunha explicación de todos os traballos realizados nestes nove meses por ambas especialidades. A continuación o alcalde tomou a palabra para agradecer a todas as persoas implicadas na organización e desenvolvemento do obradoiro, e en especial á Xunta de Galicia “polo seu apoio, aposta e compromiso demostrado co Concello da Laracha”. López Varela considera que este tipo de programas “son o mellor que as administracións lle poden ofrecer aos veciños que se atopan en situación de desemprego”, xa que “durante nove meses reciben formación de calidade, realizan traballos en instalacións que van usar os veciños da Laracha e acceden a unha remuneración económica nese período”. Por último, desexoulles aos alumnos que “aproveiten a oportunidade” que lles ofrecerá o mercado laboral, xa que en ambas especialidades existen bolsas de traballo, e lembroulles que o Concello continuará agora á súa disposición no labor de busca activa de emprego. Tamén apuntou que catro dos vinte alumnos xa atoparon un posto de traballo.

Pola súa parte Zeltia Lado pechou o acto aseverando que a formación adquirida, recoñecida nos diplomas que foron entregados hoxe, “abrirá novas expectativas para un mellor futuro persoal e profesional” xa que os obradoiros de emprego son “a ponte idónea para a inserción eficaz coa conexión entre a formación e o desempeño profesional” ao presentar “contidos axustados ás necesidades do mercado laboral” e “combinar os intereses persoais cos colectivos”. A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación afirmou que os alumnos, tras recibir a formación, “sodes agora persoas máis competentes” e que “cada un de vós dá sentido ao noso traballo”. Por iso tamén lles desexou que o obradoiro de emprego realizado “abra unha nova vía para un tempo de prosperidade para chegar a onde cada un queira estar”.