• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello acondiciona os terreos que serán vinculados ao CEIP Otero Pedrayo

25/07/2022

O Concello está a acondicionar os 13.761 metros cadrados de terreos situados xunto ao CEIP Otero Pedrayo recentemente adquiridos con fondos municipais co propósito de aumentar a superficie vinculada a ese centro. Trátase das intervencións previas á posta de ditos espazos a disposición da Consellería de Educación da Xunta de Galicia para acometer as actuacións previstas.

Concello e Consellería de Educación acordaron realizar un novo peche perimetral para integrar os terreos no centro de ensino e acondicionar no espazo exterior un novo acceso principal para os autobuses do transporte escolar, así como áreas de estacionamento.

Ademais de mellorarse a seguridade viaria na entrada ao colexio, no interior do centro aumentarase nuns 12.000 metros cadrados os espazos dotacionais para poder albergar novos equipamentos deportivos ou educativos cara o norte, en continuidade cos existentes na actualidade. Esta circunstancia é especialmente importante pola diminución das zonas exteriores libres de edificacións que implicaron nos últimos anos a construción no centro educativo do novo módulo de educación infantil e do pavillón polideportivo cuberto.