• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)

O CONCELLO DA LARACHA APROBA A OFERTA DE EMPREGO PÚBLICO COA QUE SE CREARÁN SETE PRAZAS

31/10/2016

O Concello da Laracha publicou o 27 de outubro no Boletín Oficial da Provincia (BOP) a oferta de emprego público que contempla a creación de sete prazas, fixándose como data límite o ano 2019.  

Unha das prazas que se creará é a dun posto de Policía Local que será ocupado por un funcionario de carreira. Como persoal laboral haberá unha praza de novo ingreso baixo a denominación de animador cultural e outras cinco reservadas para procesos de consolidación previstos no Estatuto Básico del Empleado Público, nestes casos consistentes nun axente de desenvolvemento local e emprego, auxiliar de información xuvenil, psicólogo-director do Centro de Información ás Mulleres (CIM), técnico medio de servizos sociais e auxiliar-coordinador dos centros da terceira idade.  

Esta convocatoria de emprego público faise coas finalidades de cubrir prazas que quedaran vacantes pola recente xubilación de empregados municipais e de consolidar postos de traballo con carácter temporal considerados como necesarios para garantir o correcto funcionamento de todos os departamentos municipais e unha atención de calidade ao conxunto dos laracheses. De feito todas as prazas que serán convocadas están incluídas na relación de postos de traballo (RPT) municipal redactada polo Equipo Técnico de Xestión de Recursos Humanos da Universidade de Santiago de Compostela.  

O Concello da Laracha aposta, deste xeito, pola creación de postos de traballo públicos de calidade que posibilitarán facilitar as tarefas administrativas municipais e optimizar o servizo que se presta á cidadanía, garantíndose en todo momento o dereito de acceso ao emprego público en condiciones de igualdade para todos os aspirantes.

Compartir: