• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O ‘Programa Harmoniza: Conciliando na Laracha’ conta no verán con 132 usuarios

24/07/2022

O servizo municipal de axuda á conciliación da vida persoal, laboral e familiar que ofrece o Concello da Laracha durante o verán está a ser un rotundo éxito de participación, contando con 132 usuarios inscritos e unha media diaria de aproximadamente un centenar de asistentes.

O Programa Harmoniza: Conciliando na Laracha vai dirixido a nenos de entre 3 a 12 anos de idade e está en funcionamento de luns a venres en horario de 8:00 a 14:00 horas nas instalacións do CEIP Otero Pedrayo.

Neste verán o Concello asume integramente os custes do servizo, polo que todos os usuarios desfrutan do programa de xeito gratuíto, incluíndo o almorzo que se sirve entre as 8:00 e as 9:00 horas para aqueles beneficiarios que o solicitaran no momento no que formalizaron a inscrición.

Sempre co acompañamento de monitores especializados, cada día os asistentes realizan xogos e actividades lúdicas, educativas e recreativas. O pasado venres puideron desfrutar dunha xornada diferente desprazándose a pé desde as instalacións do colexio da Laracha ata a área recreativa de Gabenlle, onde pasaron esa xornada e recibiron a visita do alcalde, José Manuel López Varela, e da concelleira de Servizos Sociais, Rocío López.

Programa Harmoniza durante o curso escolar 2022-2023

Cabe lembrar que ata o 31 de agosto permanecerá aberto o prazo para solicitar ser beneficiario do Programa Harmoniza: Conciliando na Laracha durante o curso escolar 2022-2023. Ofértase ao alumnado matriculado nos tres colexios do termo municipal (CEIP Otero Pedrayo, Alfredo Brañas e Caión) para todos os días lectivos a partir das 7:00 horas e ata o inicio da actividade no centro de ensino correspondente.

Segundo as necesidades de conciliación de cada usuario, ofrécense dúas modalidades no servizo: todo o curso escolar (coa posibilidade de escoller mes completo ou días soltos) e a utilización do servizo ocasionalmente. En todos os casos existen as opcións con e sen almorzo. Os servizos básicos son os de acollida, coidado, vixilancia e realización de actividades educativas e lúdicas a cargo de profesionais especializados.

As prazas son limitadas e terán prioridade as persoas que xustifiquen a necesidade da conciliación atendendo a circunstancias laborais e sociofamiliares, de acordo ás que tamén poderán beneficiarse de bonificacións no prezo xeral do servizo.

A normativa e o modelo de inscrición en están dispoñibles na web municipal.