• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

As Festas Patronais da Laracha celebraranse do 14 ao 17 de agosto

22/07/2022

O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, a concelleira delegada da área de Festas, Patricia Bello, e o presidente da Comisión de Festas da Laracha presentaron a programación que se desenvolverá do 14 ao 17 de agosto con motivo da celebración das Festas Patronais da capital municipal.

O cartel conta con orquestras de primeiro nivel e tamén con propostas culturais, deportivas, lúdicas e recreativas para o desfrute de todos os públicos. Haberá dous escenarios principais nos que se desenvolverán os eventos, acollendo a Praza do Concello as sesións vermú e a Praza Olonne sur Mer, a maior parte das actividades das tardes e tamén as verbenas nocturnas.

 As festas comezarán o domingo 14 pola tarde co concerto infantil Uxía Lambona e a Banda Molona a cargo de Astronauta Sideral, ás 19:00 horas na Praza do Concello. Pola noite a verbena será amenizada pola orquestra Finisterre.

O luns 15, o día grande das Festas, o pasacalles será a cargo da banda de gaitas Os Viqueiras de Ordes. Pola tarde, desde as 18:00 horas, celebrarase unha nova edición do trofeo de fútbol “Concello da Laracha” no campo Municipal que, como é tradicional, será en formato triangular e participarán o Laracha CF, a UD Paiosaco e o Club do Mar de Caión, servindo tamén o torneo como preparación na pretemporada dos tres conxuntos. Ás 20:00 horas a Asociación Cultural Santa María de Torás ofrecerá unha actuación no Praza Olonne sur Mer. Pecharase a xornada coa verbena a cargo da orquestra Compostela.

O martes 16 o pasacalles do mediodía será coa Agrupación Musical Nuestra Señora del Nordés. Ás 13:00 horas sairá a procesión desde a igrexa parroquial ata a capela de San Roque e San Antonio, onde se oficiará unha misa solemne. Pola tarde, ás 19:00 horas Somos Circo realizará o seu espectáculo de acrobacia aérea Desastronauts. E a xornada rematará co prato forte do cartel, a verbena coa orquestra Panorama.

O mércores 17 a Asociación Cultural Queiroga de Paiosaco encargarase do pasacalles. Pola tarde, desde as 17:00 horas, a Praza Olonne sur Mer acollerá o Día do Neno con diversidade de xogos para os máis pequenos. E á noite porase o punto e final ás festas cunha verbena a cargo da orquestra Fania Blanco Show. No descanso haberá un espectáculo de fogos artificiais.

O alcalde aproveitou a ocasión para agradecer o traballo da Comisión de Festas que, coa colaboración do Concello, fai posible “contar cunha programación de alto nivel e moi variada para que todos poidamos celebrar os días grandes da capital municipal”.

Tamén o presidente da Comisión de Festas agradeceu o apoio que están a recibir tanto polo Concello como polos veciños da parroquia de Torás, locais de hostalería, establecementos comerciais e empresas colaboradoras. Ambos concluíron animando á cidadanía a acudir e desfrutar dos eventos durante esas catro xornadas de festa.

Descarga: Cartel