• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello completou a campaña de desbroce na rede viaria de Lestón, Coiro, Golmar, Lemaio e Lendo

15/07/2022

Tras cumprirse un mes desde o inicio dos traballos previstos na campaña anual municipal de roce e desbroce de cunetas de estradas e de parcelas de titularidade municipal, xa son cinco as parroquias nas que os labores concluíron e outras seis nas que as intervencións xa están iniciadas.

En concreto, completáronse todos os traballos na rede viaria de Coiro, Lestón, Lendo, Lemaio e Golmar. Actualmente estase a actuar nas estradas das parroquias de Vilaño, Montemaior e Soandres, e xa se iniciaron tamén nas principais vías da rede municipal de Caión, Torás e Cabovilaño. Nos próximos días comezarase nas parroquias de Soutullo e de Erboedo.

En total ao longo da campaña, que se prolongará ata o outono, serán acondicionados 300 quilómetros de estradas e 83 quilómetros de camiños forestais.

Ademais dos labores na rede viaria, tamén están en marcha as intervencións previstas en parcelas de titularidade municipal que non están incluídas no contrato do servizo de limpeza e mantemento de zonas verdes e que suman unha superficie de 32 hectáreas. Nestes momentos a actividade céntrase na área verde anexa ao parque empresarial. As seguintes intervencións localizaranse prioritariamente nos entornos e espazos públicos de aparcamento próximos ás igrexas parroquiais.

O Concello leva a cabo cada ano esta campaña de desbroce co propósito de eliminar a vexetación herbácea e manter en bo estado de conservación as parcelas municipais e tamén as marxes das vías, co que se mellora a visibilidade dos viandantes e condutores e se reforza a seguridade viaria, ademais de previr riscos de incendio e manter o ornato público na rede de estradas municipais.

Os labores previstos estanse realizando simultaneamente en diversas localizacións grazas á fórmula establecida polo Concello, xa que o contrato foi dividido en cinco lotes e limitada a adxudicación a un por licitador.

En total o Concello destinará a esta campaña 140.000 euros procedentes integramente de fondos municipais.