• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello contratará dez persoas para formar as brigadas contra incendios

12/07/2022

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) da Coruña publica hoxe o anuncio da convocatoria de selección de persoal por parte do Concello da Laracha para formar dúas brigadas municipais de prevención, vixilancia e defensa contra incendios que estarán operativas durante un período de tres meses.

Cada unha das cuadrillas estaría formada por un xefe de brigada, un peón-condutor e tres peóns de brigada, polo que en total o Concello pretende contratar dez persoas para prestar este servizo.

O prazo de presentación de solicitudes para participar no procedemento de selección é de cinco días hábiles a contar desde mañá. As bases poden consultarse ao completo na sección "avisos" desta páxina web.

O sistema selectivo será o concurso oposición libre, cun procedemento áxil que respectará os principios de igualdade, mérito, capacidade, publicidade, transparencia, obxectividade, eficacia, eficiencia e axilidade.

A fase de concurso consistirá na valoración da experiencia profesional e a formación de cada aspirante. A fase de oposición consta dun exercicio de aptitudes físicas, un exame práctico e, de ser o caso, a proba de coñecemento da lingua galega se non se acredita o seu coñecemento.

Ademais das dez persoas que serán contratadas, tamén se formará unha bolsa de reserva para cubrir posibles baixas.