• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

15 laracheses participaron na xornada formativa sobre o manexo do souto

12/07/2022

Esta mañá tivo lugar no edificio administrativo da Laracha a segunda das tres xornadas das que consta o curso formativo sobre a planificación, deseño, manexo e coidados das plantacións de castiñeiro de froito, á que asistiron quince persoas. Foi impartida por persoal técnico do Centro Agroforestal de Riós en colaboración coa Consellería do Medio Rural e a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal).

Os contidos da sesión xiraron en torno a cuestión relativas ao manexo dos terreos poboados por castiñeiros. Expuxéronse temas como o enxertado, os diferentes tipos de poda e a mellor maneira de facela, rega, abonado e fertilización, mantemento do solo e a mecanización para a recollida das castañas.

O 4 de agosto (10:00 a 14:00 horas) a última xornada centrarase nas pragas e doenzas do castiñeiro. Exporanse as principais ameazas para esta variedade de árbores e os modos de actuar para combatelas. A inscrición permanece aberta, é gratuíta e debe formalizarse no Concello. Cada acción formativa é independente ao abordar cuestións de diversa índole, polo que non se require ter participado nas anteriores para poder asistir.

Estas xornadas van dirixidas especialmente a tres colectivos: produtores en activo, persoas que pretendan iniciar unha actividade agraria e desempregados na busca dunha incorporación ao mercado laboral por conta allea en empresas do sector primario.

A Agacal, a través deste tipo de iniciativas de formación, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico.