• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)

O CONCELLO E A XUNTA SUBVENCIONARON 85.701 VIAXES NA LARACHA NUN ANO NO MARCO DO PLAN DE TRANSPORTE METROPOLITANO

10/10/2016

A Dirección Xeral de Mobilidade, dependente da Consellería de Infraestruturas e Vivenda da Xunta de Galicia, vén de notificar ao Concello da Laracha os datos oficiais da liquidación das achegas municipais correspondentes á anualidade 2015 do Plan de Transporte Metropolitano.   

A cantidade definitiva a aportar polo Concello da Laracha por este concepto ascende a 11.995,43 euros, o que supón un incremento de case un vinte por cento con respecto ao gasto estimado inicialmente. Isto indica que tamén aumentou nesa porcentaxe o número de usuarios previstos e, por tanto, de laracheses que se están a beneficiar das vantaxes que ofrece este programa.   

O informe indica como dato máis salientable que no período de un ano foron subvencionadas un total de 85.701 viaxes con orixe ou destino no noso termo municipal, das cales case 61.000 corresponden a traxectos entre calquera das paradas de bus situadas no Concello da Laracha e a cidade da Coruña e viceversa. Arteixo (11.500) e Carballo (case 3.000) son os outros dous municipios con maior número de viaxes bonificadas.   

As persoas empadroadas no Concello da Laracha que desexen beneficiarse do Plan de Transporte Metropolitano deben solicitar as súas tarxetas nas oficinas de Abanca da Laracha e de Paiosaco. Estas tarxetas non son nominativas e o saldo non ten caducidade. As vantaxes do programa consisten nunha redución nunha media do corenta por cento (depende do número do saltos) no prezo dos billetes nas viaxes en autobús dentro do municipio ou a outros concellos integrados na área da Coruña do Plan de Transporte Metropolitano (A Coruña, Abegondo, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carballo, Carral, Culleredo, Miño, Oleiros e Sada). Ademais, poden realizarse transbordos gratuítos durante os noventa minutos seguintes ao inicio da viaxe, incluídos os buses urbanos da cidade da Coruña. Os usuarios que realicen máis de corenta viaxes nun mes obterán, ademais, un desconto adicional do quince por cento.   

Ademais, os mozos de entre 4 e 18 anos de idade (os menores de catro xa viaxan gratis) poden solicitar –tamén nas oficinas de Abanca- a tarxeta Xente Nova de transporte metropolitano de Galicia que permite realizar todas as viaxes interurbanas gratuítas entre os municipios adheridos ao programa.   Desde o Concello da Laracha animamos a todos os nosos veciños a beneficiarse das vantaxes que ofrece o Plan de Transporte Metropolitano, programa a través do que a Xunta de Galicia e o Concello da Laracha están a mellorar a competitividade do transporte público e favorecendo a mobilidade sostible.

Compartir: