Concello
Aberto o prazo de inscrición no servizo municipal de axuda á conciliación para o curso 2022-2023
01/07/2022
O Concello abrirá mañá venres a inscrición para solicitar praza no servizo de apoio á conciliación da vida persoal, laboral e familiar que se prestará a través do Programa Harmoniza: Conciliando na Laracha durante o próximo curso escolar 2022-2023. Ofértase ao alumnado matriculado nos tres colexios do termo municipal (CEIP Otero Pedrayo, Alfredo Brañas e Caión) para todos os días lectivos a partir das 7:00 horas e ata o inicio da actividade no centro de ensino correspondente.
Segundo as necesidades de conciliación de cada usuario, ofrécense dúas modalidades no servizo: todo o curso escolar (coa posibilidade de escoller mes completo ou días soltos) e a utilización do servizo ocasionalmente. En todos os casos existen as opcións con e sen almorzo. Os servizos básicos son os de acollida, coidado, vixilancia e realización de actividades educativas e lúdicas a cargo de profesionais especializados.
As prazas son limitadas e terán prioridade as persoas que xustifiquen a necesidade da conciliación atendendo a circunstancias laborais e sociofamiliares, de acordo ás que tamén poderán beneficiarse de bonificacións no prezo xeral do servizo.
A praza poderá solicitarse ata o 31 de agosto, data a partir da que poderán seguir presentándose instancias, pero pasando automaticamente á lista de agarda no suposto de que xa estivesen adxudicadas todas as prazas dispoñibles.
O Programa Harmoniza: Conciliando na Laracha ten como obxectivo responder ás necesidades das familias derivadas das dificultades que presentan para poder compatibilizar os seus horarios laborais cos escolares dos seus fillos, posibilitando a atención dos menores por persoal cualificado nos propios colexios antes do inicio das clases, desde as 7:00 horas, realizando actividades lúdicas e educativas e tendo a opción de recibir un almorzo equilibrado.
DESCARGAS