• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)

O CONCELLO DESENVOLVERÁ UN PROXECTO PARA MELLORAR A SINALIZACIÓN DOS RECURSOS TURÍSTICOS MUNICIPAIS

10/10/2016

O Concello da Laracha ten previsto concluír nos próximos días o procedemento de contratación das actuacións que inclúe o proxecto de mellora da sinalización dos principais recursos turísticos municipais. As actuacións centraranse en dezasete igrexas e capelas situadas nas trece parroquias do Concello da Laracha como edificacións de interese monumental, patrimonial e cultural.   

O proxecto inclúe dúas fases diferenciadas. Por unha parte serán colocados indicadores na rede viaria para sinalizar a súa ubicación. Por outro lado, instalaranse paneis informativos xunto aos propios templos nos que se ofrecerá información arquitectónica e datos históricos de interese para veciños e visitantes. En total serán dezasete as igrexas e capelas obxecto desta actuación. Todos os indicadores e paneis cumprirán as características fixadas no manual de sinalización turística da Xunta de Galicia.   

O programa deseñado polo Concello da Laracha está valorado en preto de 32.000 euros. Para o seu financiamento contarase coa colaboración económica da Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia e ao abeiro da convocatoria de subvencións a Concellos para o apoio aos investimentos para o uso público en infraestrutura turística a pequena escala, mediante o fomento da accesibilidade e sinalización nos recursos turísticos no medio rural, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desonvolvemento Rural (FEADER) no marco do PDR de Galicia 2014-2020.

Compartir: