• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A campaña de desbroce e roza nas estradas municipais iniciouse hoxe en Vilaño

15/06/2022

Apenas unha semana despois da adxudicación dos contratos, hoxe comezaron a executarse os primeiros traballos da campaña municipal de roza e desbroce de cunetas de estradas e parcelas de titularidade municipal, que ten por propósito eliminar a vexetación herbácea nas marxes das vías para mellorar a visibilidade dos viandantes e condutores e reforzar a seguridade viaria, ademais de previr riscos de incendio e manter o ornato público na rede de estradas municipais.

Coa finalidade de axilizar estes labores, o Concello repetiu a fórmula dos anos precedentes dividindo o contrato en cinco lotes e limitando a unha única adxudicación por empresa. Deste xeito favorecerase que as intervencións poidan realizarse de maneira simultánea en varios puntos do termo municipal.

Os primeiros traballos estanse a levar a cabo na parroquia de Vilaño, nos núcleos máis próximos ao santuario de San Adrián como son Marfulo, Gravido, A Fraga, Padrón e A Piña. A previsión é que mañá comecen os mesmos labores na parroquia de Lestón, a continuación nas de Coiro e Soandres, a partir da semana que vén en Caión e Lendo e, posteriormente nas parroquias restantes (Torás, Golmar, Montemaior, Soutullo, Erboedo, Cabovilaño e Lemaio).

En total neste ano o Concello destinará 140.000 euros procedentes integramente de fondos municipais para realizar a roza e desbroce en máis de trescentos quilómetros de estradas municipais, 83 quilómetros de pistas forestais e preto de 32 hectáreas de parcelas e terreos municipais que non están incluídos no contrato do servizo de limpeza e mantemento de zonas verdes.