• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Adxudicados os contratos do servizo de desbroce de vías e parcelas municipais

09/06/2022

O Concello vén de completar o procedemento de contratación do servizo de roza e desbroce de cunetas de estradas e parcelas de titularidade municipal. Na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local celebrada hoxe acordouse adxudicar os cinco lotes nos que foi dividido o contrato a outras tantas empresas co obxectivo de axilizar a execución dos traballos.

O propósito desta campaña anual de desbroce é eliminar a vexetación herbácea nas marxes das estradas para frear o seu crecemento, mellorar a visibilidade dos condutores e viandantes e reforzar a seguridade viaria, ademais de previr riscos de incendio e manter o ornato público na rede viaria.

En total o Concello destinará 140.000 euros procedentes integramente de fondos municipais para realizar esas actuacións en máis de trescentos quilómetros de estradas municipais, 83 quilómetros de pistas forestais e preto de 32 hectáreas de parcelas e terreos municipais que non están incluídos no contrato do servizo de limpeza e mantemento de zonas verdes.

 En concreto, os lotes nos que está dividido o contrato son os seguintes:

  • Lote 1. Estradas municipais das parroquias de Cabovilaño, Caión, Lemaio, Lendo, Torás e Vilaño: 37.645,76 euros.
  • Lote 2. Estradas municipais das parroquias de Coiro, Erboedo e Soandres: 29.731,84 euros.
  • Lote 3. Estradas municipais das parroquias de Lestón, Golmar, Montemaior e Soutullo: 30.664,32 euros.
  • Lote 4. Camiños forestais de todo o termo municipal: 27.313,74 euros.
  • Lote 5. Parcelas e terreos de titularidade municipal: 14.524,02 euros.

Tal e como se estipula nas cláusulas que rexeron o procedemento de contratación, en determinadas vías será preciso realizar dúas, tres ou ata catro intervencións para mantelas en boas condicións ao longo dos próximos meses.

Programa de voluntariado xuvenil

Na Xunta de Goberno tamén se acordou presentar á Consellería de Política Social o proxecto dun novo programa de voluntariado xuvenil ao abeiro da convocatoria de subvencións para o desenvolvemento de iniciativas desas características (DOG núm. 101 do 27 de maio de 2022). O propósito esencial é fortalecer a aprendizaxe dos voluntarios e reforzar os seus valores solidarios.

Do mesmo xeito que en anos anteriores, o Concello pretende ofrecer á mocidade participar como persoal de apoio aos técnicos especializados nas diferentes actividades municipais de tipo cultural, social, educativo, deportivo, xuvenil, medioambiental e de promoción do benestar das persoas maiores e da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres que se levarán a cabo nos próximos meses. Os voluntarios recibirían dos profesionais municipais a orientación, formación e apoio necesarios e, ao rematar a participación, entregaríaselles un certificado oficial pola súa colaboración e recoñecendo o seu valor social.