• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O mércores abrirá o prazo de inscrición nas actividades do programa municipal de verán

10/06/2022

O Concello presenta o completo programa municipal de actividades de verán que se desenvolverá durante os meses de xullo, agosto e setembro e que inclúe un total de vinte e dúas propostas culturais, deportivas, lúdicas e recreativas especialmente dirixidas ao público infantil e xuvenil, permitindo tamén en determinados casos a participación de persoas adultas. O dobre obxectivo deste programa é ofrecer opcións para o aproveitamento do tempo libre e facilitar a conciliación da vida persoal, laboral e familiar durante o período de vacacións de verán nos centros escolares.

O prazo de inscrición abrirase o mércores (15 de xuño). Poderán formalizarse acudindo ao Concello ou tamén en liña cubrindo o formulario que se habilitará na web municipal alaracha.gal. Vai dirixido a persoas empadroadas no termo municipal da Laracha, aínda que en caso de quedar prazas dispoñibles a participación abriríase a alumnos dos centros de ensino que non sexan veciños da Laracha ou a nenos non empadroados, pero que si o está o seu pai ou nai. Salvo no caso dos campamentos (sorteo se hai máis solicitudes que as 50 prazas dispoñibles), no resto de actividades as prazas serán adxudicadas por orde de inscrición.

Neste verán haberá tres campamentos distintos para os diferentes grupos de idade. O campamento urbano realizarase no pavillón do IES Agra de Leborís do 4 ao 8 de xullo en horario de mañá (9:30 a 13:30 h) e vai dirixido a nenos de 3 a 7 anos. O tradicional campamento de Caión contará con dúas quendas (ambas de 10:00 a 18:00 horas), sendo a primeira tamén do 4 ao 8 de xullo (12 a 15 anos) e a segunda, do 11 ao 15 do mesmo mes (8 a 11 anos). No campamento urbano e na segunda quenda do campamento de Caión ofrécese opcionalmente o servizo Madrugadores a partir das 8:30 horas naqueles casos nos que se xustifique a necesidade de conciliación da vida persoal, laboral e familiar.

A programación de verán tamén inclúe os tradicionais campus dos deportes máis practicados no termo municipal da Laracha. O de fútbol será do 18 ao 22 de xullo e en dous grupos nos campos Municipal da Laracha (5 a 11 anos) e A Porta Santa de Paiosaco (12 a 15 anos). O de baloncesto vai dirixido a rapaces de entre 5 e 15 anos e realizarase no pavillón Municipal da Laracha do 1 ao 5 de agosto.

Outras actividades para o público infantil serán a saída ao Diver Jump Trampoline Park de Santiago de Compostela (1 de xullo), kaiak nas Fragas do Eume (26 de xullo), paintball en Valdoviño (8 de agosto), Humor Amarelo na Coruña (11 de agosto), o circuíto de karts a pedais que se realizará no campo da feira de Paiosaco (18 de agosto) e un cursillo de iniciación ao surf na praia de Caión (22 de agosto).

Para o público xuvenil e adulto ofrécese a práctica do kaiak nas Fragas do Eume (26 de xullo), tirolina xigante e Ruta dos Fornos na Pontenova (28 de xullo), xornada no circuíto de karting de Vimianzo (9 de agosto), rocódromo na Coruña (12 de agosto), paintball en Valdoviño (19 de agosto), Humor Amarelo na Coruña (23 de agosto) e rafting no río Ulla (25 de agosto).

O programa tamén inclúe catro espectáculos de rúa. O primeiro será o 8 de agosto ás 20:00 h en Caión con Galicia Ilusiona que terá a maxia e o ilusionismo como fíos condutores.

En torno á celebración das Festas Patronais da Laracha, o 14 de agosto ofrecerase o concerto infantil de Astronauta Sideral Uxía Lambona e a Banda Molona (Praza do Concello, 19:00 h) e o día 16, o show de acrobacia aérea Desastronauts a cargo de Somos Circo (Praza Olonne sur Mer, 19:00 h).

O 8 de setembro, no día da Romaría dos Milagres, desde as 19:00 horas podarase disfrutar en Caión do espectáculo cómico familiar Oh-Pera, de Circo Chosco.

Na organización deste programa colaboran co Concello da Laracha a Xunta de Galicia e a Deputación Provincial da Coruña.

 

INSCRICIÓNS

Actividades infantís

Actividades xuvenís e adultos

 

DESCARGAS

Cartel

Tríptico (1/2)

Tríptico (2/2)