• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Comezan as obras do proxecto de construción do 'Skatepark'

08/06/2022

As obras de construción do parque de patinaxe Skatepark xa están en marcha, como puideron comprobar o alcalde, José Manuel López Varela, e  a concelleira de Deportes, Patricia Bello, nunha visita ao lugar das actuacións.

Este ambicioso e novidoso proxecto, no que o Concello investirá 155.000 euros procedentes integramente de fondos propios municipais, promóvese coa finalidade de ofrecer unha nova alternativa para o ocio e a práctica deportiva especialmente dirixida ao público adolescente e xuvenil.

O Skatepark disporá de diferentes tipos de planos inclinados e costas para ofrecer un amplo abano de posibilidades de movementos, piruetas e acrobacias para as diversas disciplinas. Contará, ademais, cunha fonte de auga potable e iluminación en báculos e proxectores simétricos LED, polo que o proxecto contempla as correspondentes canalizacións dos servizos de abastecemento e electricidade, ademais da recollida de pluviais para evitar a acumulación de auga de choiva na pista.

O lugar escollido para habilitar este novo equipamento de titularidade municipal e de uso libre é na parte posterior do IES Agra de Leborís, onde o Concello está a crear una nova área deportiva de referencia na capital municipal, xa que a carón do que será o futuro parque de patinaxe tamén foron creadas recentemente dúas pistas polideportivas.