• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O alcalde recibiu no Concello á U.D. Paiosaco en recoñecemento ao seu ascenso a 3ª RFEF

03/06/2022

O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, recibiu esta tarde no Concello á directiva, equipo técnico e cadro de xogadores da U.D. Paiosaco en recoñecemento ao seu ascenso a 3ª RFEF.

O rexedor municipal puxo en valor “o momento doce que vive a entidade nos últimos anos”, que deportivamente están a ser os mellores en toda a historia do club, fundado no ano 1961 e que é o decano do Concello da Laracha. Este é o segundo ascenso a categoría nacional e a próxima campaña será a cuarta que a U.D. Paiosaco xogará na Terceira División.

Tamén destacou o alcalde o traballo que se está a facer na canteira, xa que a U.D. Paiosaco conta cun total de quince equipos e máis de trescentas fichas desde a categoría biberóns ata a de veteranos.

López Varela concluíu afirmando que “é un orgullo colaborar desde o Concello co club cedendo infraestruturas municipais, subvencionando a súa actividade e tamén apoiando todas as iniciativas que organiza a entidade”.

O acto finalizou coa entrega por parte do alcalde ao presidente -Carlos García-, adestrador -Diego Armando García- e capitán -Hadrián Rama- dunha figura de Sargadelos cunha gravación que conmemora esta data.