• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)

ACTIVIDADES CULTURAIS E SOCIAIS NO PROGRAMA MUNICIPAL PARA FESTEXAR AS LETRAS GALEGAS E O SAN ISIDRO

09/05/2016

Unha das citas culturais e festivas máis importantes do ano no Concello da Laracha chega a mediados de maio coa celebración conxunta do Día das Letras Galegas e tamén do San Isidro Labrador, a data na que no noso municipio se rende homenaxe e se agradece a labor das moitas persoas que dedicaron parte da súa vida á agricultura e á gandería, sectores de destacada importancia histórica e tamén actual na Laracha.   Neste ano o Concello centra a súa programación en actividades ludorecreativas para os nenos, espectáculo folclórico, eventos sociais e tamén en resaltar a figura do autor Manuel María.   

Unha das novidades deste ano será a actividade infantil Pedras son contos, deseñada polo Concello da Laracha na que se combina o desenvolvemento dun obradoiro creativo, a redacción dunha historia e, finalmente, un contacontos. Vai dirixido a nenos maiores de cinco anos de idade. Haberá tres sesións que se levarán a cabo nas bibliotecas municipais da Laracha (venres 13), Paiosaco (venres 20) e Caión (luns 23).   

O sábado 14 pola tarde, no pavillón do IES Agra de Leborís, terá lugar unha nova edición da Festa Homenaxe aos nosos maiores, que consistirá nunha misa (inicio ás 13:00 horas), xantar e baile. As entradas continuarán á venda ata o mércores ao prezo de 10 euros nos centros sociais da Laracha (servizos múltiples), Paiosaco (centro sociocultural da Porta Santa) e Caión (antiga casa reitoral).   

Na xornada do domingo 15 a música e o baile tradicionais galegos serán os grandes protagonistas. As asociacións culturais Santa María de Torás, Queiroga de Paiosaco e Arume de Caión actuarán a partir das 18:00 horas na explanada do IES Agra de Leborís. No caso de que as condicións climatolóxicas non sexan favorables, o espectáculo tería lugar no pavillón dese mesmo centro de ensino.   

O martes 17, Día das Letras Galegas, proponse o espectáculo de títeres Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo, dirixido preferentemente a nenos de entre tres e dez anos de idade. Será na Casa da Cultura a partir das 12:00 horas, con entrada libre e gratuíta. Trátase dunha adaptación da obra de Manuel María a cargo dos actores e animadores infantís Genma Pardo e Alejandro Meco.   

O programa pecharase o venres 27 de maio coa visita de Os Bolechas á Casa da Cultura da Laracha (18:00 horas), co seu espectáculo Os Bolechas van ás Olimpíadas centrado no deporte e nos Xogos de Río de Janeiro deste verán.   

Exposicións   

Durante todo o mes de maio a biblioteca municipal da Laracha acollerá unha exposición sobre a vida e obra de Manuel María, o autor lucense ao que se dedican este ano as Letras Galegas.   

No programa municipal tamén se inclúen, como cada ano, as exposicións dos traballos realizados polos veciños da Laracha que veñen participando desde o pasado mes de outubro nos cursos de manualidades e pintura ó óleo, labores de tecido, encaixe de palillos, patchwork e restauración e tapizaría que organizou o Concello.   

A exposición da Laracha será a primeira en abrirse o venres 13 a partir das 20:00 horas no baixo da biblioteca municipal da Laracha. Poderá visitarse ata o mércores día 18 en horario de 17:00 a 21:00 horas.   

Para o venres día 20 están programadas as aperturas das mostras de Caión (antiga casa reitoral) e de Paiosaco (centro sociocultural da Porta Santa). En ambos casos poderanse visitar durante esa fin de semana de 17:00 a 20:00 horas.

Compartir: