• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello crea un novo aparcamento público na avenida Bos Aires, preto do centro médico da Laracha

28/05/2022

O Concello vén de iniciar os traballos dirixidos a crear un novo aparcamento público e gratuíto de vehículos na Avenida Bos Aires da Laracha, xunto á rúa Santa Lucía e preto do centro médico da capital municipal.

O novo equipamento está a ser habilitado nunha parcela que presenta unha superficie de 1.783 metros cadrados e que foi arrendada polo Concello a través do concurso público no que se convidou a presentarse aos propietarios de solares situados en puntos estratéxicos do termo municipal.

Con esta iniciativa aumentaranse as prazas de estacionamento público e gratuíto de vehículos nesa zona do núcleo urbano da Laracha, beneficiando tanto aos veciños residentes nas inmediacións como aos establecementos comerciais e hostaleiros da zona e aos usuarios do propio centro médico e punto de atención continuada da Laracha. Ademais, tamén funcionará como aparcamento disuasorio para os vehículos procedentes da parroquia de Vilaño e da estrada A Laracha-A Silva considerando a súa proximidade co centro da vila.

Recentemente o Concello estableceu a zona azul gratuíta nas rúas Santa Lucía, Epifanio Campo e Suíza, situadas a carón da Avenida Bos Aires, para favorecer a rotación dos vehículos de luns a venres durante as mañás no entorno do centro médico. O novo espazo de estacionamento tamén ofrecerá unha alternativa a esa circunstancia ao non presentar limitacións temporais para o aparcamento.