• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Aberto o prazo para solicitar as subvencións dirixidas a entidades culturais, deportivas, educativas e deportistas individuais

26/05/2022

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) da Coruña publica hoxe as bases da convocatoria de subvencións municipais do Concello da Laracha dirixidas a entidades culturais, deportivas, educativas e deportistas individuais. Esta liña de axudas ten por finalidade cooperar no financiamento dos gastos de organización e desenvolvemento de actividades realizadas ou  que se vaian levar a cabo ao longo do ano actual, desde o 1 de xaneiro ata o 30 de novembro.

Do mesmo xeito que nos anos precedentes, os catro apartados de actuacións subvencionables que se recollen na convocatoria corresponden a:

Promoción de actividades educativas: actuacións culturais ou deportivas a realizar nos centros educativos públicos da Laracha, ben polas asociacións de alumnos ou de pais e nais ou mesmo polos propios centros educativos.

Promoción de actividades culturais: entendendo por elas calquera acción referida á conservación, promoción e divulgación dos valores culturais.

Promoción de actividades deportivas: neste apartado inclúense as escolas deportivas, cursos, competicións, campus e todas as actividades relacionadas co fomento do deporte en xeral.

Deportistas individuais: a través desta achega económica, o Concello da Laracha pretende apoiar aos seus deportistas máis importantes cunha subvención para sufragar os gastos das viaxes ou da adquisición e o mantemento do seu material deportivo. Á hora da concesión da subvención, valoraranse os éxitos persoais de cada deportista nas competicións en diferentes ámbitos xeográficos.

 

As entidades beneficiarias deben desenvolver a súa actividade no termo municipal da Laracha e carecer de fins de lucro. Aos deportistas individuais requíreselles estar empadroados no concello cunha antigüidade mínima de dous anos consecutivos, dispoñer de licenza deportiva vixente, non realizar a súa actividade como parte dun club, asociación ou entidade beneficiaria desta mesma liña de axudas e participar en competicións de ámbito autonómico, nacional ou internacional.

Estas subvencións municipais son compatibles coas convocadas por outros organismos. O prazo de solicitude é de un mes a contar a partir de mañá.

DESCARGAS:

Bases

Impreso solicitude entidades

Impreso solicitude deportistas individuais