• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)

O PLENO APROBA A CONTA XERAL DO EXERCICIO 2015, PECHADO EN 8.387.000 EUROS

03/10/2016

No Pleno ordinario celebrado o 30 de setembro, a Corporación Municipal da Laracha acordou aprobar a conta xeral do exercicio económico 2015, que se pechou na cifra de 8.387.000 euros, o que supón un incremento próximo ao dezanove por cento con respecto á magnitude inicialmente orzamentada (7.053.000 euros). O remanente líquido de tesourería supera o millón e medio de euros.   

José Manuel López Varela, alcalde do Concello da Laracha, salientou que preto do trinta por cento dese gasto total foi destinado a investimentos reais “nun momento de crise económica no que os municipios contan con menos ingresos e que, no caso da Laracha, houbo que facer fronte a un importante volume de mantementos pola cantidade de instalacións e infraestruturas públicas existentes”. O rexedor municipal tamén destacou que a conta xeral “superou todos os trámites e períodos de exposición pública sen que se presentasen alegacións”.   

Por outra banda, e xa centrados nos orzamentos en vigor, foi aprobada a transferencia de crédito 11/2016 entre aplicacións de diferentes áreas de gasto e por un importe de 36.235,80 euros, que permitirá reforzar varias partidas relacionadas cos servizos sociais, cultura e mantementos en instalacións e infraestruturas de titularidade municipal. López Varela explicou que 10.000 euros desta transferencia serán destinados ao financiamento do servizo de axuda no fogar.   

Por unanimidade foi autorizada a modificación da base número 20 do orzamento xeral municipal vixente, trámite necesario para formalizar a concesión dunha subvención nominativa por un importe de 7.000 euros ao Club Baloncesto Laracha coa finalidade de que esta entidade xestione no próximo curso as Escolas Deportivas Municipais de Baloncesto. O alcalde quixo destacar o bo funcionamento das escolas e a súa especial importancia no promoción do deporte masculino e feminino, xa que o ano pasado case a metade das 105 fichas que manexou a entidade correspondían a nenas.   

Tamén houbo unanimidade na aprobación dunha addenda ao convenio marco de colaboración coa Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para a xestión de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos, que xa fora aprobada no pasado mes de abril coa finalidade de dotar ao punto limpo da Laracha do equipamento preciso para a recollida e clasificación dese tipo de material.   

Por último, deuse conta á Corporación das 169 resolucións de Alcaldía ditaminadas entre o 26 de xullo e o 25 de setembro. José Manuel López Varela afirmou que este importante volume se debe aos procedementos de contratación de persoal e de obras realizados no verán e aproveitou para “agradecer o labor dos traballadores municipais durante o principal período vacacional do ano”.

Compartir: