• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A Laracha participará en programas xuvenís de intercambio nas cidades de Venecia e Berlín

25/05/2022

O Concello formará parte de sendos programas xuvenís de intercambio nas cidades de Venecia (Italia) e Berlín (Alemaña) nos que se convida a participar a mozos laracheses de idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos. Esta iniciativa é un dos resultados das relacións establecidas entre A Laracha e outros municipios e entidades de diversos países do continente no marco dos programas de irmandamento desenvolvidos a través de Europe for Citizens co financiamento da Unión Europea.

Para acudir a Berlín hai sete prazas dispoñibles. O programa desenvolverase do 27 de xuño ao 6 de xullo baixo a organización do Distrito de Renickendorf. Entre as actividades a realizar, inclúense visitas ás cidades de Dresdren e Postdam, museos e ao teatro Friedrich Stadt Palast.

No caso de Venecia, a organización será a cargo do Polo Tecnico Professionale de dita localidade italiana e desenvolverase do 2 ao 9 de xullo. Ademais de coñecer a cidade e outras localidades do seu entorno, visitaranse os puntos de interese máis importante e realizaranse actividades culturais. Hai dez prazas dispoñibles para mozos laracheses.

En ambos casos os participantes, que viaxarán acompañados por monitores, soamente deberán abonar 100 euros como cota de inscrición, facéndose cargo a organización dos gastos do aloxamento, manutención, desprazamentos no destino, entradas aos museos e todas as actividades que se leven a cabo.

A inscrición abrirase mañá xoves e pecharase o martes da próxima semana, día 31 de maio. Débese cubrir o formulario que aparece ao final desta publicación. No caso de que se rexistren máis solicitudes que prazas dispoñibles, faríase un sorteo público.

Con esta iniciativa o Concello pretende aportar o seu gran de area na construción da cidadanía europea, animando á mocidade a aproveitar esta excelente oportunidade de coñecer outros países, idiomas e culturas, potenciando a mobilidade xuvenil, tendendo pontes para a cooperación transfonteiriza con outros países e proxectando cara o exterior o noso municipio.

FORMULARIOS DE INSCRICIÓN

Venecia

Berlín