• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A Laracha acollerá o 3 de xuño un curso sobre a planificación das plantacións de castiñeiro de froito

23/05/2022

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), ofrecerá na Laracha o vindeiro día 3 de xuño en horario de 10:00 a 14:00 horas un curso sobre a planificación e o deseño das plantacións de castiñeiro de froito.

A xornada, que será impartida por persoal técnico do Centro Agroforestal do ourensano Concello de Riós, vai dirixida especialmente a tres colectivos: produtores en activo, persoas que pretendan iniciar unha actividade agraria e desempregados na busca dunha incorporación ao mercado laboral por conta allea en empresas do sector primario.

Os obxectivos principais desta iniciativa son organizar ditas plantacións en función das zonas e do destino final do produto e complementar a formación dos produtores de castaña sobre as novidades de investigación, os tratamentos das árbores e as tendencias técnicas do mercado, entre outros aspectos.

No apartado sobre a planificación abordaranse as variedades priorizadas de castiñeiros para froito, os principais polinizadores, as condicións óptimas do solo, a orientación das plantacións e os indicadores de vexetación. No referido ao apartado de repoboación, analizaranse as mellores técnicas de roza, preparación do terreo e replanteo. En canto á plantación, trataranse aspectos como os portaenxertos e daranse consellos para o correcto cultivo destas árbores. Por último, tamén se abordarán outras recomendacións como o tipo de rego ou fertilizantes a usar neste tipo de plantacións.

As persoas interesadas en participar deben anotarse de xeito gratuíto no Concello, ben acudindo á Casa Consistorial ou chamando ao 981605001.

A Agacal, a través deste tipo de iniciativas de formación, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico.