• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A Aula Mentor da Laracha conta con 36 usuarios matriculados en cursos formativos para adultos

19/05/2022

O Concello ten en funcionamento no edificio administrativo da Laracha a Aula Mentor, o programa de formación en liña non regulada, flexible e con titorización persoal promovido polo Ministerio de Educación e Formación Profesional.

Aula Mentor conta cun extenso catálogo de máis de douscentos cursos cos que ampliar as competencias tanto persoais como profesionais. Todos eles pódense facer en liña e nos horarios que cada usuario estime oportuno como alternativa á rixidez propia dos sistemas educativos convencionais. Para facilitalo, o Concello pon a disposición, de xeito gratuíto, unha aula con equipamento informático situada no edificio administrativo, á que se poderá acudir para realizar os cursos de luns a venres en horario de 11:30 a 13:30 horas. En todos os casos cóntase cun titor especializado na materia e un administrador que velarán polo correcto desenvolvemento dos cursos, informando, orientando e axudando aos alumnos en todo o proceso desde a matriculación ata o remate da formación.

Nos primeiros seis meses desde a posta en marcha do programa matriculáronse un total de trinta e seis persoas, das cales tres se presentaron á convocatoria de exames de febreiro e outras seis á de abril, resultando todas elas aptas. A próxima convocatoria será en xuño, e xa hai propostos para realizar os exames outros tres alumnos.

Actualmente as persoas que aproban o exame de cada curso formativo reciben un certificado de aproveitamento outorgado polo Ministerio de Educación e Formación Profesional que son susceptibles de ser presentados como méritos nos procedementos de selección de persoal das administracións públicas se así o establecesen as bases da convocatoria. Desde agora darase un paso máis porque determinados cursos terán como recoñecemento o certificado de competencias profesionais, o que fará aínda máis atractiva a oferta de Aula Mentor.

Na Aula Mentor da Laracha os cursos que contan con maior número de usuarios son os relacionados con contabilidade, informática, redes sociais para pemes, técnicas de estudo e lingua de signos. Outras áreas formativas dispoñibles céntranse nos sectores administrativo, agrario, comercial, electricidade, hostalaría, turismo, imaxe persoal, imaxe e son, alimentación, sanidade, seguridade, mantemento, medio ambiente, servizos socioculturais, confección, vidro, cerámica e competencias lingüísticas.

As persoas que desexen ampliar información sobre o catálogo de cursos de Aula Mentor, matricularse ou empregar a aula de informática municipal para realizar os seus cursos pode facelo presencialmente acudindo ao edificio administrativo da Laracha (Avenida Fisterra, 60), vía telefónica no 669963094, a través da web https://aulamentor.alaracha.gal/ ou na páxina de Facebook de Aula Mentor da Laracha (https://www.facebook.com/aulamentordalaracha).