Concello
A Mesa Educativa e Sanitaria contra a Violencia de Xénero reforza os procedementos de actuación ante a detección de posibles casos
14/05/2022
A Mesa de traballo sobre coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero nos sectores da sanidade e do ensino celebrou unha nova sesión no Salón de Plenos da Casa do Concello da Laracha.
Á reunión asistiron o alcalde -José Manuel López Varela- a concelleira de Muller -Rocío López-, a directora do Centro de Información ás Mulleres (CIM) da Laracha -Ana Aldao-, a pediatra do centro de saúde da Laracha e directores, directoras e orientadoras do IES Agra de Leborís, CEIP Otero Pedrayo, CEIP Alfredo Brañas e CEIP de Caión.
O asunto que centrou a xuntanza foi a presentación e análise dunha guía elaborada polo Concello sobre os procedementos de actuación dos diferentes sectores profesionais representados na mesa ante a detección de posibles casos de violencia de xénero en menores de idade. O documento, que será mellorado e optimizado grazas ás achegas dos participantes na xuntanza, detalla como se debe proceder e a quen e como deben dirixirse para garantir a protección da vítima desde un primeiro momento.
Así mesmo, tamén se revisaron os mecanismos para mellorar a coordinación entre o Concello e os centros de ensino co centro de saúde.
Ademais, acordouse que na próxima reunión da mesa serán abordadas as propostas relativas á programación de actividades de prevención da violencia de xénero e outras condutas para o próximo curso escolar 2022-2023, que como cada ano estarán adaptadas ás idades dos diferentes colectivos tanto nos colexios como no instituto.
O Concello da Laracha reitera o seu agradecemento a todos os sectores profesionais representados nestas mesas sectoriais -a de coordinación policial, con representación da Garda Civil e a Policía Local, reuniuse a principios de semana- e a súa total disposición para traballar xuntos na loita contra a violencia de xénero.