• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello promove, co apoio do GALP, un novo proxecto de promoción turística relacionado coa costa e o mar

14/05/2022

O Grupo de Acción Local do sector Pesqueiro (GALP) Costa da Morte vén de comunicar ao Concello a concesión dunha axuda para o financiamento de A Laracha activa e o mar de Caión ao abeiro da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) impulsada pola entidade dependente da Consellería do Mar da Xunta de Galicia.

O proxecto promovido polo Concello ten por obxectivo principal reforzar os valores ambientais e patrimoniais no litoral caionés. Para iso propóñense unha serie de iniciativas dirixidas a mellorar a oferta turística e educativa vinculando e compatibilizando a práctica da actividade física co descubrimento dos espazos marítimos e costeiros, e centrándose nos valores medioambientais, paisaxísticos e históricos.

A Laracha activa e o mar de Caión estrutúrase en cinco actuacións diferenciadas. Dúas consisten na sinalización de roteiros para realizar a pé. Un será o sendeiro A Lararacha-Caión que une a capital municipal coa vila costeira nun percorrido de doce quilómetros ao longo do que se colocarán sinais direccionais e paneis interpretativos con información sobre os principais puntos de interese patrimonial e medioambiental. O outro lugar de intervención é o Sendeiro de Saldoiro, o tramo do paseo marítimo de Caión que parte da Praza Eduardo Vila Fano e remata preto do límite co veciño municipio de Carballo. Este espazo conta co distintivo de Sendeiro Azul e forma parte da Rede Natura.

A terceira actuación consiste na posta en marcha dun programa medioambiental que proporá un conxunto de actividades a realizar con diferentes institucións, especialmente educativas, dirixidas a visibilizar a costa e o mar como recursos doutras cadeas de valor relacionadas coa economía (turismo, biotecnoloxía, etc). Exemplos disto serían programas de andainas, difusión dos oficios da pesca artesanal e xornadas de educación ambiental nos colexios.

A cuarta liña contempla a creación dunha pictoaplicación dirixida a persoas que presenten trastornos de comunicación na linguaxe oral e que lles facilitará a comprensión do territorio costeiro e do mar da Costa da Morte.

Por último, inclúese a asistencia técnica por parte de persoal especializado no sector turístico que prestará asesoramento e coordinación e levará a cabo un seguimento de todas as actuacións que se desenvolvan no marco deste proxecto.

A Laracha activa e o mar de Caión é promovido polo Concello co apoio do GALP Costa da Morte e co financiamento do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca. A fin esencial de potenciar e xerar sinerxias entre o turismo mariñeiro e outros segmentos en crecemento como o turismo de natureza, o cultural-patrimonial e o deportivo. Presenta un orzamento total de 71.500 euros.

 

Cartel GALP